viernes. 19.04.2024

O Concello de Padrón deixou deserta a terceira edición do Certame Poético Rosalía de Castro despois de que o xurado do mesmo adoptara esta decisión pola falta de calidade das seis obras presentadas. Así, o premio, que tivo como gañadoras a Elisabet Ríos e Helena Salgueiro nas dúas primeiras edicións, non terá testemuño no palmarés en 2017 e agora abrirase un proceso de impulso do galardón cara a cuarta edición.

 

Neste senso, o Concello, atendendo ao recomendado polo xurado, vai revisar as bases para potenciar esta cita poética e non descarta apostar pola publicación das obras gañadoras. O xurado desta edición estivo conformado polo alcalde, Antonio Fernández Angueira, como presidente, e por Lorena Couso, Anxo Angueira, Ana Acuña, Manuel Lorenzo, María Xesús Senín, Dolores Vilavedra, Cesáreo González e Beatriz Lorenzo, que actuou como secretaria con voz pero sen voto.

 

A concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso, admitíu que a decisión de deixar deserto o premio “foi difícil”, pero amosouse convencida de que “servirá para relanzar o certame”. “Sabemos que moitos premios literarios que hoxe contan con moito prestixio e traxectoria na nosa comunidade pasaron por este trance nas primeiras edicións, pero, ao igual que fixeron eles no seu día, cremos que é un exercicio de responsabilidade co futuro do certame marcar uns niveis de calidade e esixencia que o poñan en valor”, significou a edil.

Padrón deixa deserto o Certame Poético Rosalía de Castro e aposta por impulsalo para 2018