jueves. 18.04.2024

O Concello de Padrón vén de culminar as actividades divulgativas das Xornadas Gastronómicas da Lamprea coa distribución nas escolas unitarias do municipio da revista "Cociñando cultura. A lamprea: historia e tradición", que recolle tódolos traballos elaborados polos/as alumnos/as destes centros sobre a lamprea.

 

Segundo a concelleira de Cultura e Turismo, Lorena Couso, o obxectivo desta iniciativa é "concienciar aos máis pequenos da necesidade de conservar unha tradución tan propia de Padrón e con séculos de historia, como é a pesca da lamprea nas pesqueiras de Herbón".

 

Para iso, na devandita publicación recóllese todo o material recompilado polos alumnos/as nos obradoiros divulgativos e nos xogos celebrados durante os pasados meses de febreiro e marzo, que se centraron fundamentalmente nas lendas e nos contos sobre animal prehistórico como a lamprea, na elaboración de distintas especialidades culinarias e na existencia de diversas profesións vinculadas á captura e preparación da lamprea.

 

A concelleira salientou a "excelente aceptación" que tivo nos centros escolares a edición desta revista, polo que adiantou que seguirá a ter continuidade en vindeiras edicións das Xornadas Gastronómicas da Lamprea".

Padrón culmina as xornadas da lamprea coa distribución dunha revista nas escolas unitarias