viernes. 29.03.2024

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe no acto de entrega do Premio "Xosé Aurelio Carracedo" 2015 que a liberdade de expresión "é a nai de todas as liberdades", e afirmou que hoxe a institución provincial únese coa entrega deste galardón á conmemoración do Día Mundial da Liberdade de Prensa, "cuxa idea fulcral é recoñecer que unha prensa libre, pluralista e independente é un compoñente esencial de toda sociedade democrática".

 

O presidente do goberno provincial pechou con seu discurso o acto de entrega do Premio Carracedo 2015, que este ano recibiu o xornalista coruñés Antonio Alfredo López Mariño (Arzúa, 1951). O galardón, dotado con 3.000 euros, outórgao anualmente a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido en 1988, e en defensa dun periodismo de calidade. O xurado ditaminou conceder por unanimidade o premio a Antonio López polo seu traballo de investigación titulado La madre de todas las vacunas, publicado no suplemento dominical do xornal La Opinión, da Coruña, referido á figura histórica de Isabel Zendal, a única muller que participou na primeira campaña mundial de vacinación. Manuel Baltar dixo que esta data "é a elixida para seguir a lembrar a Xosé Aurelio Carracedo, un exemplo de xornalista vocacional, mestre de moitos e cunha pegada imborrable na nosa historia", e lembrou a Chesterton, Pulitzer, Camus e Kaspuscinski ademais de destacar "o meu máximo recoñecemento ao labor xornalístico e a miña loubanza ao cumprimento polos profesionais das normas deontolóxicas, esas que sitúan como verbo clave o de "contrastar".

 

O presidente provincial sumouse ás reivindicacións que para os xornalistas ven de facer públicas a Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE) coincidindo con esta data e ante a inminente campaña electoral. Neste senso afirmou: "Declárome abertamente en contra das chamadas "declaracións enlatadas" e mesmo das roldas de prensa sen preguntas, avogando por permitir o acceso libre e sen restrición algunha aos actos de campaña para que a cobertura sexa completa e libre" Manuel Baltar tamén subliñou o feito de que este ano por primeira vez os membros do xurado do Premio Carracedo non fose nomeados polos grupos políticos senón "por entidades e organizacións representativas da profesión xornalística. Un avance sen dúbida cualitativo", e felicitou ao galardoado, Antonio López, "polo seu magnífico traballo no que reivindica a figura de Isabel Zendal Gómez, catalogando a participación de Galicia na Expedición Filantrópica como a mellor e máis trascendental achega de Galicia á historia da humanidade". Baltar citou a Augusto Assía, "quen en 1967 asinou un artigo no que reclamaba a equiparación de dereitos para a lingua galega", e rematou cunha "chamada ao optimismo e á ambición colectiva", citando a frase de Chesterton: "Os contos de fadas son ben certos, pero non porque nos digan que os dragóns existen, senón porque dinnos que podemos vencelos".

 

Calidade xornalística

No acto, que tivo lugar no Salón de Plenos da institución provincial, Antonio López agradeceu á Deputación de Ourense "a súa aposta polo xornalismo" e dixo que é unha honra "recibir un premio que leva o nome dun admirado xornalista no país de mestres universais da literatura, como Valle Inclán, Torrente Ballester e Alvaro Cunquiero, e do xornalismo, como Cunqueiro, Julio Camba, Wenceslao Fernández Florez e Xosé Aurelio Carracedo, onde a calidade da escrita é moito máis que segura".

 

Antonio López destacou que, na súa opinión, "o xurado a quen está premiando é a Isabel Zendal Gómez, a descoñecida protagonista da miña reportaxe, pois ela foi unha peza esencial de maior epopeia médica que coñeceu a humanidade: a "Expedición filantrópica contra a variola", a loita contra a enfermidade infecciosa que mais mortes causou no mundo". Sobre o traballo premiado, Antonio López subliñou a importancia que tivo a participación de Galicia nesta expedición filantrópica, "foi a mellor e máis transcendente achega galega á historia da humanidade, pois dos 22 nenos vacuníferos que saíron da Coruña, 18 eran galegos; e galego era o buque "María Pita", que levou á expedición a América; e galegos eran todos os tripulantes da embarcación e tamén Isabel Zendal". O acto de entrega do premio contou coa presenza do sobriño e afillado de Carracedo, Miguel Jiménez Carracedo, quen agradeceu que ano tras ano a Deputación de Ourense siga a manter vivo o legado do gran xornalista que foi Xosé Aurelio Carracedo. Sobre a obra premiada o xurado valorou "a gran calidade desta reportaxe histórica, a actualidade e o interés social que ten un tema como o das vacinas".

 

Ademais, fixo constar "o gran traballo de investigación realizado por Antonio López, a coidada presentación e a boa estrutura da reportaxe", así como "a descuberta que o autor fai dun personaxe histórico como é Isabel Zendal Gómez". Antonio López é xornalista. Leva dende 1970 desenvolvendo o seu labor profesional, que comezou no xornal El Ideal Gallego, para pasar posteriormente á revista galega Teima, o Faro de Vigo e a Televisión de Galicia. Tamén traballou durante nove anos como profesor universitario en Irlanda e Francia, e na actualidade é colaborador do xornal La Opinión.

 

O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Avelino García Ferradal, estivo integrado por Emma Torres Romay, Luis Menéndez Villalva, Xosé Ramón Pousa Estévez e Xosé Manuel Pereiro Sánchez actuando como secretario Fernando Rodríguez Méndez.

Acto de entrega do Premio de Xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo" 2015