martes. 16.04.2024

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou o Obradoiro-Escola de Instrumentos Musicais da Deputación de Ourense para participar na entrega de diplomas aos oito alumnos que realizaron un curso de actualización e reconstrución de instrumentos do Pórtico do Paraíso, impartido por un dos referentes na construción e recuperación de instrumentos medievais, Christian Rault, e no que confeccionaron a xiga de 3 cordas, a viola de 5 cordas e a viola grande de 5 cordas do Ancián 24, instrumentos que se estrearán no concerto de Carlos Núñez no Festival Pórtico do Paraíso no vindeiro mes de marzo, tal e como se anunciou no pasado mes de xullo, na presentación dos concertos que ofrecerá Carlos Núñez os vindeiros 27, 28 e 29 de xullo nos mosteiros de Santo Estevo de Rivas do Sil, Oseira e Santa María de Montederramo, coa colaboración da Deputación de Ourense.

 

No acto de hoxe tamén participou o director do Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación, Manuel Brañas; e o propio Christian Rault, diplomado en escultura ns ENSAD de París, e logo formouse en luthería clásica italiana con Giobatta Morassi na Escola de Cremona. Posteriormente a esta actividade formativa, do 2 ao 4 de febreiro, Jesús Reolid, impartirá un curso no que se construirán violas e un laúde do Pórtico, e que se usarán nas aulas de música medieval que impartirán Roberto Santamarina e Tin Novio, no Obradoiro de Instrumentos da Deputación.

 

Con este proxecto o Obradoiro-Escola da Deputación de Ourense pretende entre outros obxectivos, cos músicos da cidade de Ourense, aproveiten a riqueza e o valor histórico e cultural do Pórtico do Paraíso dado que se atopa en Ourense. Así mesmo, con esta iniciativa persegue ter a reconstrución destes instrumentos no Obradoiro a disposición de todo aquel que desexe visitalos, achegar a música medieval a tódalas xeracións, e continuar a afondar na investigación destes instrumentos. O Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación foi creado no ano 1982 e dirixido desde aquela por Manuel Brañas. Desde o comezo, centrouse na construción de instrumentos tradicionais.

 

Entre os seus proxectos máis destacables atópase a reconstrución dos instrumentos do Pórtico do Paraíso, unha das obras máis salientables que alberga a Catedral de Ourense, situada aos pés da Catedral de San Martiño e que foi construída na primeira metade do século XIII. No Pórtico, inspirado na Apocalipse, atopamos aos 24 anciáns que tocan os instrumentos, os cales foron reconstruídos polo Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación de Ourense. Este proxecto ten unha gran importancia cultural e histórica porque achega novos datos para o coñecemento da música medieval.

 

Así, o Obradoiro reconstruíu tódolos instrumentos presentes no Pórtico como violas, ovais, frautas, salteiros, incluso o instrumento máis representativo deste conxunto, o organistrum. Ademais destas actividades formativas, o Obradoiro está a facer un curso de construción de zanfonas medievais que aparecen representadas nas Cantigas de Alfonso X O Sabio, un curso de construción de gaitas, requintas, pitos galego e chirimías, un curso de construción de instrumentos de percusión e outro de talla de madeira e construción de palletas para gaitas.

Manuel Baltar visita o Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación de Ourense