viernes. 29.03.2024

Deputación de Ourense destina máis de 470.000€ a axudas para o deporte

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá destinar un total de 478.000 euros a axudas para o deporte. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente a hoxe venres, 12 de xaneiro. Asemade, aprobáronse as bases do XXVIII premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", que convoca anualmente a Deputación de Ourense, dotado con 3.000 euros.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá destinar un total de 478.000 euros a axudas para o deporte. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente a hoxe venres, 12 de xaneiro.

 

Asemade, aprobáronse as bases do XXVIII premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", que convoca anualmente a Deputación de Ourense, dotado con 3.000 euros. No ámbito do deporte, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións a clubs deportivos de Ourense para o ano 2018.

 

O obxecto destas bases é regular a tramitación e concesión de subvencións aos clubs deportivos da provincia, mediante o procedemento de concorrencia competitiva, para financiar parcialmente os gastos derivados da súa participación en competicións deportivas durante a temporada 2017-2018. Para esta convocatoria pública, a Deputación de Ourense dispón dun orzamento de 400.000 euros, sendo a contía máxima de cada subvención de 24.000 euros. Poderán beneficiarse destas axudas os clubs con domicilio social na provincia, inscritos nos rexistros deportivos da Xunta de Galicia: aqueles que participen na temporada 2017/2018 en competicións oficiais; e posuír, polo menos, un equipo de base acreditado, é dicir, inferior á categoría senior ou absoluta.

 

Para os clubs que compitan en disciplinas individuais establécese como requisito básico posuír un mínimo de dez licenzas federativas de deportistas de base en competición. Non poderán ser beneficiarios os clubs que só participen en ligas ou competicións locais ou comarcais, ou exclusivamente no deporte escolar ou ligas de empresas. O prazo de presentación de solicitudes, ben de forma presencial ou telematicamente, iniciarase a partir da publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 28 de febreiro.

 

Copas Deputación 2018 Tamén no ámbito deportivo, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións para as Copas Deputación 2018. As axudas concederanse mediante o procedemento de concorrencia competitiva, ata completar un orzamento total de 79.000 euros.

 

O programa de Copas Deputación, cun forte arraigamento e tradición na provincia, garante a continuidade de determinadas competicións deportivas amateur que, en moitos casos, constitúen a única actividade regulada que se organiza na provincia para determinadas disciplinas deportivas. Poderán ser beneficiarias deste programa as federacións deportivas galegas, a través das súas respectivas delegacións na provincia de Ourense.

 

Se a sede social da federación galega estivese radicada na nosa provincia, ou se esta carecese de delegación en Ourense, poderá realizar a solicitude a propia federación galega, directamente. Igualmente, as federacións poderán encomendarlle a organización da Copa Deputación a unha entidade deportiva domiciliada na provincia de Ourense. Nesta convocatoria queda excluída a Copa Deputación de Fútbol, xa que polo seu arraigamento e dimensión nesta provincia será obxecto de financiamento a través dunha subvención nominativa nos termos que estableza o Pleno da Deputación.

 

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase trala publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 28 de febreiro de 2018. Premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo" A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou tamén hoxe as bases reguladoras da convocatoria do XXVIII Premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", na súa edición de 2018, que estará dotado cun único premio de 3.000 euros.

 

Poderán optar a este premio todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos ou audiovisuais, en calquera das súas modalidades. As propostas poderán ser, indistintamente, presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado. Os traballos ou conxuntos de traballos -gráficos, escritos ou audiovisuais-, terán que estar publicados en medios de comunicación galegos, ou referirse a Galicia, entre o día 1 de xaneiro de 2017 e o día 31 de decembro do mesmo ano.

 

De xeito especial, valorarase a realización e presentación de traballos en lingua galega. O xurado do premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo" estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vocais formarán parte do mesmo un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; un representante da Federación de Asociacións de Periodistas; un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. O secretario do xurado, con voz pero sen voto, será o responsable da Comunicación da Deputación de Ourense. O prazo para a presentación de traballos pecharase o día 16 de marzo de 2018 e o acto de entrega coincidirá co día 3 de maio (Día internacional da liberdade de prensa).

Deputación de Ourense destina máis de 470.000€ a axudas para o deporte