viernes. 19.04.2024
A I Regata Interclubs Gran Premio Deputación de Pontevedra comezará o sábado 24 de xaneiro e finalizará o 18 de abril

I Regata Interclubs da Ría de Pontevedra Gran Premio Deputación de Pontevedra

Esta mañá foi presentada no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra a primeira edición dun evento que, tal e como anuncian os seus promotores, nace coa ilusión de ser non só unha cita deportiva senón tamén promocional dunha ría, a pontevedresa, onde son escasos os días do ano nos que non se pode navegar ou sequera gozar dos sensacionais e fermosos portos deportivos, de pesca ou comerciais, cunha ampla oferta hostaleira que tamén se tenta dinamizar desta maneira e ademais nunha época desestacionalizada.

Esta mañá foi presentada no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra a primeira edición dun evento que, tal e como anuncian os seus promotores, nace coa ilusión de ser non só unha cita deportiva senón tamén promocional dunha ría, a pontevedresa, onde son escasos os días do ano nos que non se pode navegar ou sequera gozar dos sensacionais e fermosos portos deportivos, de pesca ou comerciais, cunha ampla oferta hostaleira que tamén se tenta dinamizar desta maneira e ademais nunha época desestacionalizada. Falamos da I Regata Interclubs da Ría de Pontevedra-Gran Premio Deputación de Pontevedra.


A presentación foi levada a cabo pola deputada provincial Begoña Estévez, á que acompañaban representantes dos 6 clubs promotores: Vicente Rubio Bolívar (capitán de fragata e xefe de estudos da Escola Naval e presidente da Comisión Naval de Regatas), Guillermo Gefaell Chamochín (presidente en funcións do Real Club de Mar Aguete), María Santoro (delegada do Ro Yachts Club Combarro), Javier Ruiz de Cortázar (presidente do Club Náutico Portonovo), Roi Alvarez Pérez (xerente do Real Club Náutico de Sanxenxo) e José Luis Smyth (presidente do Club Náutico de Beluso). Tamén se atopaban representantes dalgunha das firmas colaboradoras coma o delegado de Aselp Consultores, Luis Pardo, e o xerente de Eolo Náutica, Carlos Agra. Colaboran tamén coa proba outras firmas como Froiz ou informática Landín.


Grazas ó patrocinio da Deputación de Pontevedra as inscricións serán totalmente gratuítas, o cal xa non se estila en case ningún evento, do mesmo xeito que as estancias nas mariñas para os participantes de portos externos á ría pontevedresa.


A regata tamén vai poder seguirse directamente de forma virtual en todo o mundo mediante unha aplicación que levarán os barcos participantes a través dun teléfono.


Serán en total seis probas ó longo de case catro meses e soamente en sábados para facilitar que os participantes poidan facer outras actividades ou retornen ós seus portos base despois de cada etapa con tranquilidade. Mesmo se teñen lugar as seis cada barco poderá desbotar aquela na que obteña peor resultado.


As datas das etapas serán as seguintes (nos casos dos percorridos costeiros ou de tipo técnico dependerá das condicións meteorolóxicas de cada xornada)


Sábado 24 de xaneiro: 1ª proba (Ro Yachts Club Combarro)
Sábado 7 de febreiro: 2ª proba (RCM Aguete)
Sábado 21 de febreiro : 3ª proba (CN Portonovo)
Sábado 7 de marzo: 4ª proba (CNR da ENM)
Sábado 11 de abril : 5ª proba (RCN de Sanxenxo)
Sábado 18 de abril: 6ª proba (CN Beluso)


A inscrición está en pleno auxe a estas alturas xa que ademais, por ser a primeira regata da tempada, a maioría dos barcos están a tramitar os seus certificados anuais, facendo remedicións, etc., pero xa na tarde de onte había 24 embarcacións inscritas, o cal indica que ben se van superar as 30 unidades, con varios barcos doutras rías, como son por agora o coruñés Piko Norte, os arousáns Ziralla e Corsario V ou o vigués Jaravino –aínda faltan máis por confirmar–, e portos distintos da de Pontevedra. Por parte da frota pontevedresa a inscrición está a ser masiva, con varias embarcacións mesmo que van participar por primeira vez nunha regata ou outras que levaban temporadas sen participar.

I Regata Interclubs da Ría de Pontevedra Gran Premio Deputación de Pontevedra