jueves. 28.03.2024

A deputada Begoña Estévez entregoulle  a un dos responsables do GV Sports Club, organizador do Tríatlon Rías Baixas, a axuda económica concedida pola Deputación para sufragar, por segundo ano, a organización do evento. Anxo Graña, do GV Sports, quixo agradecer a colaboración do ente provincial desde o primeiro momento "porque o primeiro ano era complicado e a proba foi un éxito, e aínda que desta volta se suman outros apoios, o principal segue a ser o da Deputación".


Pola súa banda, Begoña Estévez quixo felicitar os responsables do evento polo éxito acadado na primeira edición; desexoulles que "todo lles volva a saír ben" no segundo ano de vida do Tríatlon.


Cambio de data: 14 de xuño


Logo da boa acollida do pasado ano, na súa segunda edición o Tríatlon Rías Baixas adianta a súa data no calendario.

Preto de 350 deportistas xa confirmaron que o 14 de xuño percorrerán a nado, en bicicleta e a pé os máis de 40 quilómetros que contempla a proba. Anxo Graña confirmou que se atenden así as demandas dos triatletas para evitar que a temperatura da auga, especialmente, sexa un inconveniente no seu desenvolvemento.


O II Tríatlon Rías Baixas "manterá o mesmo percorrido do ano pasado, aínda que haberá unha saída desde a praia de Sanxenxo para darlle máis vistosidade á proba". Si se modificará o horario de saída, que será algo máis tarde, sobre as 9:30 h, e tamén se cambiará o avituallamento dos deportistas, atendendo ó horario de saída e á climatoloxía da época na que se realiza.


Preto de 350 inscritos


Aínda que polo de agora quedan prazas libres, unhas 15, desde a organización sinalan que non se vai "ampliar a inscrición para manter o nivel e evitar que se converta nun tumulto de xente", se ben aseguraron que si se constata unha maior participación de xente de fóra.

A Deputación de Pontevedra mantén o seu apoio á organización do II Tríatlon Rías Baixas