sábado. 20.04.2024

A sétima edición da Carreira Pedestre Popular de Campañó, que se celebra o próximo día 20 deste mes na parroquia pontevedresa, foi presentada hoxe no Concello polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado do secretario da Asociación Cultural Deportiva Campañó, José María Domínguez; o presidente da Sociedad Gimnástica, Ramón Touza, e o responsable técnico, Gonzalo Méndez.


A quinta e penúltima proba do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP) é unha das populares máis consolidadas do calendario local e rexistra todos os anos participacións próximas ao milleiro de persoas, cifra que se repetirá tamén nesta edición contando todos os participantes dende a categoría “Chupetes” ata Veteranos. Agustín Fernández recalcou a aposta municipal polo CCCP introducindo clasificacións por equipos e compensadas e tamén a introdución da gratuidade para as persoas desempregadas.


O concelleiro destacou que falamos dunha proba cun merecido prestixio, que destaca pola súa boa organización e tamén pola dureza do seu trazado, a tres voltas incluíndo a longa costa a carón do cemiterio parroquial. Un percorrido moi esixente de 9.650 metros, ao que asiste un público entusiasta que, xa tradicionalmente, se coloca nos puntos máis significativos dun circuíto marcado polas pendentes e con escasos tramos planos.


Gonzalo Méndez subliñou que este ano haberá tamén unha gran calidade no elenco de participantes. Xa están confirmados Iván Docampo, líder do CCCP, José Antonio Ramallo (gañador do ano pasado), Robertas Geralavicius, Álvaro Prieto, Diego Castro e o campión de España de 10.000, Lolo Penas. En categoría feminina asistirán a portuguesa Ercilia Machado (gañadora en Meaño a pasada fin de semana), Leticia Fernández, Sara Pérez, Barca Tova, María Gestido e a campioa de España junior en varias especialidades, Carmela Comesaña.


José María Domínguez quixo realzar o papel dos máis de 60 voluntarios que fan posible esta proba e destacou tamén o papel que xogan Elías Domínguez, “alma mater” da carreira, e o empresario Ricardo Tilve.

A carreira popular de Campañó celébrase este sábado cun elenco de participantes de...