viernes. 19.04.2024

O triatleta pontevedrés Pablo Dapena González recibiu hoxe o recoñecemento do Concello de Pontevedra cunha recepción da Concellería de Deportes. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro, Agustín Fernández, amosáronse felices dos éxitos deste deportista local que, en poucos anos, está a acadar importantes resultados na escena nacional e agora abriga o soño de dar o salto ás máis prestixiosas competicións internacionais.


Agustín Fernández subliñou que é costume no Concello agradecer os trunfos dos deportistas locais e enxalzou os méritos de Dapena, un rapaz pontevedrés que brilla nun deporte tan duro e esforzado como o triatlón. O concelleiro opinou que parte dos éxitos que se están a acadar son froito do traballo sostido durante moitos anos nas Escolas Deportivas e no apoio constante á base.


O alcalde compartiu esta visión e subliñou que é moi destacable este primeiro gran éxito de Pablo Dapena, a quen desexou moita sorte en proxectos futuros.


O triatleta local falou das dificultades atopadas durante o Campionato de España en Águilas (Murcia) comezando pola calor, as correntes no sector de natación e, finalmente, certa inexperiencia que lle levou a non preparar axeitadamente o sprint final na carreira a pé no que perdeu o primeiro posto con Uxío Abuín.


Pablo Dapena subliñou tamén a enorme sorte que ten de poder adestrar boa parte do ano co tetracampión mundial Javier Gómez Noya, a quen, engadiu, ten moito que agradecer.


O Concello ofrece, precisamente, esta tarde unha homenaxe cívica a Gómez Noya despois da recente consecución dos títulos das Series Mundiais e do Mundial de Medio Ironman.

Parabéns do Concello a Pablo Dapena, subcampión de España de Triatlón