jueves. 28.03.2024

O Concello de Pontevedra e o Casino Mercantil e Industrial volven colaborar este ano para traer á cidade un evento da trascendencia da terceira edición do torneo internacional junior, englobado no circuíto ITF.


O evento celebrarase entre os días 14 e 19 deste mes de outubro nas instalacións do Casino Mercantil e Industrial, repartido nunha fase previa e outra final. Participarán 513 xogadores e xogadoras procedentes de 44 países, o que converte ao torneo pontevedrés nunha competición de forte rango internacional.


A presentación oficial realizouse hoxe no Concello en presencia do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente do Mercantil, Roberto Vega, e os responsables técnicos do torneo, Noli Álvarez e Miguel Balea. O concelleiro lembrou o papel protagonista que o Mercantil está a xogar na programación deportiva municipal e engadiu que as escolas deportivas municipais de tenis son unhas das que máis demanda rexistran.


Noli Álvarez explicou que durante a primeira semana celebrarase a fase previa e na segunda a final, facendo coincidir os partidos das finais individuais masculina, feminina e de dobres durante a fin de semana dos días 18 e 19.


Subliñou que están inscritos xogadores do máximo nivel e destacan os 89 españois, os 54 rusos, os 40 británicos e os 29 portugueses, polo que está garantido o espectáculo.


Pola súa banda, Roberto Vega invitou a todos os pontevedreses a acudir ás instalacións do parque deportivo de Mourente para seguir os partidos e gozar do espectáculo do tenis que despregarán algúns xogadores e xogadoras que en pouco tempo estarán no circuíto profesional. O acceso, gracias ao apoio económico do Concello, é gratuíto.

Máis de 500 xogadores de 44 países participarán na terceira edición do torneo de tenis...