viernes. 19.04.2024

A Deputación de Pontevedra vén de completar a mellora integral da sede do Club de Piragüismo As Torres de Catoira, despois de proceder ao amoblamento dos vestiarios e á mellora do contorno do centro.

O presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, visitou esta mañá as instalacións do Club As Torres, acompañado polo presidente da Federación Internacional de Piragüismo, Patxi Perurena, e do titular da Federación Española deste deporte, José Román Mangas, cos que coincidiu en destacar o extraordinario labor que desempeña o Club As Torres e que, segundo afirmou Louzán, "merecía esta actuación de mellora das súas instalacións, tanto pola súa traxectoria como polas cantidade de nenos e maiores que integra esta entidade".

Louzán salientou que, unha vez finalizados os traballos de dotación de mobiliario aos vestiarios e acondicionamento do contorno, "a Deputación cumpre o compromiso inicial de reformar a sede e a palabra dada na última visita a esta sede de facer novos investimentos no exterior e nos vestiarios". Deste xeito, o investimento realizado no Club As Torres ascende a uns 400.000 euros, que van permitir que os usuarios do centro conten cunhas "instalacións dignas e modernas".

As obras supuxeron a remodelación completa da planta baixa da antiga nave que serve de sede ao club e a construción dun novo local para ampliar as instalacións e dotalas de vestiarios. Desta forma, o centro dispón de oficinas, vestiarios, ximnasio e sala de kaiakergómetros, cuarto de instalacións, limpeza e taquillas e almacén de embarcacións.

No exterior, as brigadas da Deputación procederon á nivelación e compactación do terreo e ao seu asfaltado, para destinalo a aparcamento de vehículos. Apoio da Deputación ó Club Durante a visita ao centro, Louzán subliñou que se dá resposta así "a unha demanda de moitos anos" dun club ao que a Deputación ven apoiando de forma permanente.

Así, ademais da reforma da súa sede e das achegas anuais que destina a esta entidade, a Administración Provincial tamén lle concedeu unha furgoneta Citröen para usos e desprazamentos de deportistas e unha achega de 2.000 euros para contribuír ao financiamento do Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas que se está a celebrar nestes días.

A Deputación completa os traballos de mellora das instalacións do club de piragüismo de...