viernes. 19.04.2024

A comisión executiva do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) aprobou na súa reunión de hoxe, presidida polo presidente da Deputación de Ourense e do Inorde, Manuel Baltar, as bases reguladoras da convocatoria de concurso público para concesión de subvencións a concellos para a realización de accións de promoción de produtos ourensáns correspondentes ao exercicio 2015.

 

Trátase dunha liña de axudas aos concellos para promocionar produtos propios da provincia, en particular aqueles cuxa produción non é susceptible de deslocalización. Segundo recollen as bases, considérase "produto propio da provincia de Ourense" calquera produto da actividade agrícola, gandeira, forestal, mineira ou artesanal que sexa característico da provincia de Ourense ou dalgunha das súas comarcas ou municipios e cuxa produción non poida ser obxecto de deslocalización.

 

A condición de produto característico presumirase en todos aqueles que estean amparados por unha denominación de orixe, así como naqueloutros nos que, carecendo do dito recoñecemento oficial, concorra a circunstancia dun uso público e continuado da localización xeográfica do seu lugar de produción ou dunha denominación específica vinculada á dita localización, como medio de identificación do produto no mercado.

 

Igualmente, considéranse produtos propios da provincia as especialidades gastronómicas propias dunha comarca ou municipio, aínda que na súa elaboración se utilicen produtos procedentes doutros territorios. Cada concello interesado presentará un único proxecto relativo a unha acción ou conxunto de accións promocionais dun ou varios produtos propios.

 

En todo caso, só poderán ser obxecto de subvención os proxectos cuxo orzamento sexa, como mínimo, de 6.000 euros. Non se admitirán a trámite as solicitudes referidas a proxectos de importe inferior. Poderán ser beneficiarios os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Ourense, sendo a contía máxima dispoñible para a concesión destas subvencións de 60.000 euros. As solicitudes, subscritas polo representante legal da entidade interesada, irán dirixidas á Presidencia do Inorde e o prazo de presentación das mesmas rematará o 15 de maio de 2015.

 

Animais de razas autóctonas

A comisión executiva do Inorde tamén aprobou hoxe as bases reguladoras da venda de animais de razas autóctonas para o ano 2015. As persoas e entidades que o soliciten poderán adquirir, sempre que cumpran os requisitos que se establecen nas bases, polos de raza "Galiña de Mos", cordeiras de "Ovella Galega" e "Porco Celta".

 

Os animais poderán ser recollidos polos gandeiros adxudicatarios trala presentación do correspondente xustificante de pagamento. As solicitudes abranguen o ano 2015 e aos interesados facilitaráselles o impreso de solicitude nas oficinas do Inorde ou a través da paxina web: www.inorde.com, atendéndose as mesmas por orde de entrada no rexistro.

 

O Inorde aproba axudas para a promoción de produtos ourensáns