martes. 16.04.2024

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse esta mañá a Valga, onde cursou unha visita á empresa Serrerías Rodríguez que foi unha das beneficiarias no 2016 da orde de axudas para investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais. Alí, a titular de Medio Rural sinalou que xa está resolta tamén a convocatoria deste ano, que sairá publicada en breve no Diario Oficial de Galicia e que xa se está comunicando aos interesados. En concreto, neste 2017 son 114 os proxectos aprobados cun investimento de 35,8 millóns de euros e que recibirán unha achega de preto de 9,6 millóns de euros da Consellería co obxectivo de facer a estas empresas máis competitivas.

 

A isto hai que engadir as axudas por valor de 19,2 millóns de euros concedidas o pasado ano, o que supón un total de 63,5 millóns de euros en dous exercicios. Precisamente a través desta orde, a compañía Serrerías Rodríguez recibiu no 2016 máis de 33.432 euros para mercar unha descortezadora de 87.980 euros. O 38% do investimento foi aportado pola administración autonómica e, segundo explicou Ángeles Vázquez, non é o único apoio que leva recibido da Consellería, xa que anos atrás contou tamén coa súa colaboración para un escáner tridimensional. A conselleira, que estivo acompañada polo alcalde José María Bello Maneiro, destacou a importancia destas achegas para contar cun sector forestal “moderno e competitivo e máis aínda cando falamos de pequenas e medianas empresas, que son as posibles beneficiarias desta orde de axudas”.

 

Deste xeito, “contribuímos á creación e conservación do emprego, con rendas dignas para o rural, ao tempo que se garante a xestión sostible dos recursos naturais”, declarou Ángeles Vázquez. Os serradoiros galegos empregan a máis de 9.500 traballadores de maneira directa. As instalacións de Serrerías Rodríguez teñen unha superficie total de parcela de 45.000 metros cadrados con 7.500 cubertos, destinado a fabricación, almacenaxe, oficinas e secadoiros. Ten un balance anual superior aos seis millóns de euros e conta con 17 traballadores entre directivos, administrativos, seis operarios de transporte e de fábrica. O seu consumo anual de materia prima ronda as 112.000 toneladas e produce máis de 58.500 metros cadrados de produtos elaborados anualmente, principalmente palets e carpintería. Na visita a esta factoría valguesa participaron tamén o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra e o responsable do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés, Pedro López.

 

Este último explicou como se está a desenvolver o verán nos montes de Valga no tocante aos incendios forestais, sen que polo de agora se teñan producido lumes de importancia. Neste sentido o verán está a ser tranquilo “pero tamén tenso, porque as condicións meteorolóxicas son malas, non chove e está todo moi seco” polo que “hai que ter moita precaución con todo o que teña que ver co lume no monte”. No ámbito da prevención, o Distrito XIX conta con medios propios de vixiancia con postos permanentes nos montes ao que hai que engadir o respaldo do Seprona da Garda Civil e da Policía Autonómica.

 

Pedro López fai un chamamento á colaboración cidadá, que ten á súa disposición as 24 horas do día o teléfono gratuíto 085 para alertar sobre posibles incendios. No caso de producirse lumes, o municipio de Valga, incide López, ten a vantaxe de dispor dun Grupo de Emerxencias con servizo permanente e que está integrado no dispositivo de extinción do Distrito Caldas-Salnés que, pola súa banda, conta con máis de trinta cuadrillas, vinte camións motobombas e ten próxima a base de medios aéreos de Pontevedra. Con todo, “esta é unha zona bastante complexa” na que “estadísticamente se produce un número de lumes forestais bastante elevado”.

A conselleira do Medio Rural destaca a importancia do sector forestal galego nunha...