sábado. 20.04.2024

A Concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou o seminario Millennials e o impacto da economía colaborativa no turismo, que impartirá Fernando Gallardo o vindeiro 24 de febreiro no Hostal dos Reis Católicos. Fernando Gallardo é un xornalista, escritor, analista de tendencias e novos conceptos no turismo, ademais de ser o crítico de hoteis do xornal El País dende 1987.


No seminario analizaranse e darase respostas as seguintes cuestións: ¿Que é a xeración Millennium? ¿Por que está xeración está cambiando a estrutura dos negocios turísticos? ¿Cales son os seus hábitos turísticos? Tamén se repasarán os principios elementais da economía colaborativa e as súas aplicacións máis populares. Reflexionarase sobre como impacta esta economía na industria hoteleira e estudiaranse as novas formas de aloxamentos turísticos e o hotel do futuro.


A través dunha ronda organizada de networking B2B e mediante a presentación de novos produtos e innovacións, estableceranse as bases de colaboración e sinerxias entre operadores do sector turístico. O seminario finalizará cunha mesa de debate sobre tendencias hoteleiras en 2015.


En opinión de Fernando Gallardo, "asoma Airbnb e asoman outros novos actores da chamada economía colaborativa: Uber, Taskrabbit, Fiverr, Mealmeats, Blablacar… É tempo aínda de tomar conciencia e adaptarse ás novas regras de xogo. O sector turístico vai sufrir un revolcón, teñámolo claro. Innovación, diferenciación, cooperación… Este é o novo catecismo Millennium".


O seminario está dirixido a empresarios turísticos, hoteleiros, restauradores, axentes de viaxes, informadores e, en xeral, a todos os profesionais relacionados co sector turístico. Os interesados en participar poden informarse e inscribirse na na web do evento.


Na presentación participou tamén José Antonio Liñares, responsable do Grupo Compostela Boutique Hotels: Hotel Altair, Hotel Costa Vella e Hotel Moure, tres hoteis con encanto, integrados e comprometidos co seu entorno, con espazos concibidos para explorar novas sensacións e aportar valor a estancia en Santiago.

Santiago acollerá o seminario para hoteleiros "Millennials e o impacto da economía...