viernes. 29.03.2024

A Deputación de Ourense organizou hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel” un seminario sobre “Plans de acción de enerxía sostible nos gobernos locais”, no que se deron cita alcaldes e técnicos municipais da provincia de Ourense co obxectivo de analizar iniciativas de aforro enerxético e xestión da enerxía. A iniciativa forma parte do Programa Enerxía Intelixente-Europa, cuxa finalidade é o apoio ás autoridades locais no desenvolvemento integrado dos plans de acción de Enerxía Sostible (PAES) con sistemas de xestión enerxética segundo a norma ISO 50001.

 

A Deputación de Ourense forma parte dun amplo consorcio que abrangue a diferentes entidades locais, asociacións de concellos, asociacións internacionais e axencias de enerxía de nove países da Unión Europea: España, Italia, Bulgaria, Francia, Alemaña, Grecia, Letonia, Polonia, Rumanía. Preténdese con este proxecto integrar un sistema de xestión da enerxía dentro dos plans de enerxía sostible de varios concellos da provincia de Ourense coa axuda de estruturas de apoio e poñer a disposición ferramentas para garantir a institucionalización de políticas enerxéticas sostibles.

 

Os beneficios que se obteñen ao implementar a Norma ISO 50001 nos concellos e consumidores son o aforro de enerxía a curto, medio e longo prazo e o compromiso cun consumo enerxético sostible. Nesta liña de eficiencia enerxética, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentoulle en decembro pasado en Bruxelas ao comisario de Enerxía e Clima da Comisión Europea, Miguel Arias Cañete, á iniciativa que porá en marcha na provincia de Ourense, destinando inicialmente para a súa creación un orzamento de 512.000 euros no exercicio de 2015: a Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente, un organismo que terá como obxectivo dar servizo aos pequenos e medianos concellos no que atinxe ao subministro de equipamento e aforro e eficiencia enerxética.

 

Este modelo, a modo de “central de compras enerxética”, “podería ser perfectamente exportable aos gobernos intermedios da Unión Europea e o seu traballo “en rede” posibilitaría -segundo lle explicou Manuel Baltar a Arias Cañete- un considerable aforro para os gobernos locais europeos á hora de negociar tarifas eléctricas e subministracións e na realización de infraestruturas enerxéticas, así como na eficiencia e na prestación de servizos aos cidadáns”.

 

Miguel Arias Cañete avalou a idoneidade do proxecto afirmando que “encaixa perfectamente nas liñas de acción prioritarias da UE dentro dos ámbitos da enerxía, o medio ambiente e a sostibilidade” Na xornada de hoxe analizáronse temas como o gasto enerxético, as ferramentas para a xestión eficiente da enerxía na Administración Pública, a monitorización de edificios e alumeados públicos en gobernos locais, e as redes de calor, modelo de eficiencia enerxética en gobernos locais.

 

Un seminario sobre “Enerxía sostible” analiza iniciativas de aforro enerxético