viernes. 19.04.2024

Con razón teimaba Vicente Risco en que Galicia non é un país pequeno. A Galicia administrativa e cartográfica non coincide coa cultural e sentimental. Galicia esténdese máis alá das súas fronteiras convencionais e latexa en lugares moi diversos. Os galegos conquistamos pacificamente territorios afastados, grazas a unha disposición do noso carácter que nos permite irmandar identidades.

 

A pegada do noso está presente en moitas culturas, e o noso idioma é quen de namorar os que non o tiveron como lingua nai. Non faltan na historia autores que optaron por unha lingua diferente, pero abundan as ocasións en que as causas foron o exilio ou a fuxida dun clima cultural que sentían como asfixiante.

 

María Victoria Moreno faino por amor. É a “pomba dourada” de Álvaro Cunqueiro que se namora das nosas palabras, que descobre nelas un mundo fermoso no que queda a vivir para sempre, regalándolle o mellor de si. Descubriu que os galegos somos “filólogos”, é dicir amantes da palabra, e quixo compartir con nós a cidadanía das letras.

 

Foi a súa unha opción absolutamente libre. Ninguén a obrigaba a semellante compromiso. E desde logo o ambiente non era propicio para instalarse nunha lingua proscrita que sobrevivía nas catacumbas, aloumiñada polo pobo.

 

A decisión de institucionalizar o Día das Letras Galegas, adoptada en 1963 polos académicos Fernández del Riego, Ferro Couselo e Manuel Gómez Román, semellaba entón un xesto heroico destinado a esmorecer nunha Galicia que só podía soñar coa liberdade. Pero, dito coas súas mesmas palabras, “a vida é esa curta pausa que nos deixa soñar”.

 

Esa historia de amor que protagoniza María Victoria Moreno é posible por ser o noso un idioma incluínte no que se pode vivir en liberdade. É a liberdade a que crea as linguas. É a liberdade a que as mantén vivas e fai que medren, se enriquezan con novas achegas e evolucionen ao compás dos tempos. A liberdade é a savia que vivifica a linguaxe das mulleres e dos homes.

 

As linguas fortalécense ademais cunhas virtudes cívicas que son a empatía, o afecto, a amizade entre os seus falantes e tamén cos que utilizan outras linguas. Coa mesma liberdade e empatía que engaiolan a María Victoria Moreno, a sociedade galega constrúe un modelo de recuperación lingüística que non “importa” ideas tan respectables como alleas, senón que se inspira na nosa forma de ser. Recuperar o galego inspirándose nos galegos e pensando nos galegos é un logro que protagoniza o país no seu conxunto.

 

Ese modelo, susceptible de melloras e perfeccionamentos, conseguiu que o galego fose un espazo de encontro e non de desencontro; un espazo que non é privativo de ninguén porque foi creado por todas e por todos. O galego é de todos. De quen o fala, de quen o sente, de quen o escoita e de quen o ama.

 

Acadada a liberdade para a nosa lingua, grazas á Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía de Galicia, o idioma dótase con ferramentas legais que o garanten e promoven en todos os ámbitos da vida social.

 

O loable desexo compartido de que o seu uso aumente e avance posicións en sectores como a mocidade, nin pode levarnos a negar os logros obtidos pola acción colectiva dos galegos, nin tampouco a menosprezar o valor de políticas amables e progresivas.

 

Sendo como é Galicia unha democracia plena, e estando como está nun mundo globalizado, a cordialidade lingüística non é unha eiva senón unha fortaleza.

 

Esas políticas teñen unha tradución no Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que está elaborando o Goberno galego. Con el queremos animar aos máis novos a usar libremente e sen complexos unha herdanza recibida dos seus pais e avós e a empregar unha lingua útil, con futuro, que nos conecta coa Lusofonía, é dicir, con máis de 250 millóns de cidadáns.

 

Maria Victoria Moreno facíao escribindo e ensinando unhas veces en condicións precarias e outras bordeando a estreita legalidade (ou ilegalidade) da época. Non semella casual que O Principiño de Saint-Exupéry fose para ela algo así como un libro iniciático.

 

Un libro traducido ao galego precisamente por Carlos Casares, un dos seus referentes literarios. Por certo que neste 2018 celebraremos o 50 aniversarios de A galiña azul, unha das grandes contribucións do autor ourensán á nosa literatura infantil e xuvenil.

 

Entre as moitas lecturas posibles, O Principiño é a reivindicación da ollada do neno. Como o protagonista do conto, nenos e mozos habitan nun marabilloso planeta que soamente é accesible para uns poucos privilexiados. María Victoria está entre eles.

 

Coa súa literatura e docencia demostra que escribir para cativos, que ensinar a mozos, non é unha literatura menor ou unha docencia subalterna. Non esixe rebaixar senón elevar a calidade da escritura. Por iso non é infrecuente que os grandes escritores sexan quen de situarse coas palabras a carón dos máis novos para suxerirlles novos horizontes.

 

Señoras e señores. Este Día das Letras Galegas dedícase a quen dixo que “as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos”. A plena recuperación da lingua de todos é un proxecto fermoso. Coa lingua recupérase un pobo.

 

Se a comunidade consiste en ter cousas en común, a fala é un tesouro común que nos vincula co mundo. Hai moitas maneiras de entender o mundo que nos rodea pero os galegos decidimos facelo cunha lingua que, coma o Lérez, recolle innumerables afluentes.

 

O afluente que trae María Victoria Moreno nace nas terras irmás de Estremadura; enriquécese con docentes do talle de Rafael Lapesa ou Dámaso Alonso; recibe o maxisterio humanista do admirado Xesús Alonso Montero, “mestre das palabras”; mestúrase coa xente, cos alumnos e cos lectores; desfruta do amor do seu home Pedro e dos seus fillos Begoña e Carlos; e desemboca nun legado extraordinario que hoxe celebramos no Instituto Torrente Ballester; un centro que se implicou con entusiasmo nesta conmemoración con representacións teatrais, murais, exposicións e edicións de manuscritos inéditos da que foi unha das súas mestras.

 

Nestas aulas danse a man unha escritora estremeña de nacemento que se expresa en galego, e un escritor ferrolán que se expresou en castelán. Ambos os dous forman parte do noso orgullo de país.

 

Galicia está presente nas páxinas de María Victoria Moreno e de Gonzalo Torrente Ballester, tanto na viaxe que fan Nicolau e Xulia en Anagnórise, como en Castroforte de Baralla, a cidade mítica da Saga/Fuga de J.B, inspirada segundo din na propia Pontevedra.

 

Pontevedra é outra historia de amor de María Victoria. A Pontevedra definida por Carlos Casares como unha “cidade literaria” seduce a nosa escritora polo fervedoiro cultural que atopa nela.

 

É a Pontevedra fecunda en tertulias de boticas e cafés como o Méndez Núñez, no que se concibe a idea da Revista Nós, ou o café Moderno onde Castelao departía, escribía e debuxaba.

 

Nesta vila, cerne da cultura galega, estamos neste 17 de Maio para lembrar unha gran muller que amou intensamente a Galicia.

 

María Victoria únese a Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño, no elenco de galegas homenaxeadas no Día das Letras.

 

Que Galicia ten nome de muller vese reflectido nos Premios da Cultura do último ano, entre elas a recordada Berta Cáccamo que marchou para quedar, na presenza de autoras na Feira do Libro de Bos Aires, no Premio Otero Pedrayo ou na incorporación de Marilar Aleixandre, Chus Pato, Marina Mayoral, Ana Romaní e Carme Pazos á Real Academia Galega que preside Víctor Freixanes.

 

A imaxe do artista David Pintor que encabeza este acto trae ata nós a importancia e tamén a forza do galeguismo cordial.

 

A vida e a obra de María Victoria Moreno estalles dicindo a aqueles que, sen ser galegos de orixe, se senten atraídos polo noso, que a nosa lingua está aberta a todos.

 

Dilles igualmente aos galegos que aman a nosa fala sen decidirse a usala de momento, que posúen unha ferramenta enriquecedora que non exclúe, nin divide, senón que abre un sen fin de horizontes.

 

Envíalles, en fin, unha mensaxe aos nenos e mozos dispostos a entrar nun mundo global no que se seguirán necesitando raíces, tradicións, orixes e palabras propias.

 

María Victoria confesou que o seu corazón florecera nestas aulas.

 

A lingua que tanto amou florece nesta Galicia unida e sen fracturas, libre e cordial.

Intervención do presidente da Xunta no acto conmemorativo do Día das Letras Galegas