PONTEVEDRA  |  A CORUÑA  |  LUGO  |  OURENSE  |  SANTIAGO  |  VIGO


Artigo do presidente da Xunta con motivo do Día de Galicia

Galicia, un bo modelo

Martes, 25 Julio 2017 12:27
Valora este artículo
(0 votos)
por

Nos últimos anos produciuse un cambio transcendental en Galicia, que vén unirse a outros de tipo material. Desde a implantación do autogoberno, o posesivo co que designabamos o noso país deixa de ser retórico para converterse en algo real. A nosa terra é realmente nosa. Lonxe quedan as épocas nas que Galicia tiña que inspirarse en modelos alleos para imaxinar o seu futuro. Hoxe, o pobo galego marca o seu rumbo, determina as súas prioridades e define as regras da convivencia. Galicia achega o seu xeito de ser á España da que formamos parte, defende a Unión Europea que nos fixo e nos fai máis prósperos e participa no mundo globalizado que nos é contemporáneo. Nada diso nos fixo perder a nosa identidade porque, por fortuna, estamos sendo quen de aproveitar a capacidade que agora temos para rexer o noso destino.

 

Cal foi o resultado? Vémolo acotío. Non coñezo ningún tempo pasado que fose mellor ao da Galicia constitucional e autonómica. Constitución e Estatuto forman xuntos unha fórmula maxistral que permite espertar do sono e iniciar un Rexurdimento sen precedentes, do que ninguén está excluído e que non paga o prezo da fractura social. Galicia avanza, pero sobre todo avanza unida.

 

Prodúcese un espertar de enerxías que se reflicte nun progreso material indubidable, e tamén nunha modificación esencial da conciencia cidadá. Deámonos conta de que os galegos somos o mellor modelo para os galegos. A sabedoría que atesoura a nosa xente é abonda para impulsar o país sen traumas e con certezas.

 

Acerta o noso pobo cando ve na España democrática o mellor garante das liberdades galegas. Acerta cando abraza o ideal europeísta, forxado durante séculos no Camiño de Santiago. Acerta cando aproveita o mundo global para abrir as portas ao inversor, e abrir novas rutas aos emprendedores galegos. Acerta cando non identifica pluralidade con conflito permanente, nin a necesaria rebeldía con destrución, nin a innovación co menosprezo á tradición. Acerta, en suma, cando non renuncia a ser como é.

 

A Galicia mariñeira sabe que ningún vento é favorable para quen non sabe a onde ir. Estamos vendo mesmo exemplos de comunidades e estados que, debido a decisións irreflexivas dos seus dirixentes, teiman en buscar ventos desfavorables que están desarborando a súa cohesión social. Galicia optou democraticamente por outro camiño en que as aventuras pouco meditadas son substituídas por logros reais que repercuten na vida da xente. Como calquera outro cidadán dun país democrático, o galego non quere que os seus dirixentes sexan profetas ou salvadores, senón bos xestores dos intereses comúns e atentos intérpretes da nosa identidade plural.

 

Galicia ten vento favorable e sabe a onde ir. Son vantaxes certas que non dilúen sen máis os problemas que temos, pero que nos dan pautas para solucionalos ou atenualos. A experiencia democrática que o noso país ten acumulada, indica que ningunha solución a un conflito é boa se agudiza a división, se acentúa as tensións sociais, se rompe pontes en lugar de tendelos. O modelo democrático de canalización das discrepancias pode semellar lento, titubeante e en ocasións pouco resolutivo, pero ningún outro sistema garante mellor a estabilidade.

 

A esa certeza que compartimos con todos os réximes democráticos do mundo, habería que engadir a predisposición do galego ao pacto e á transacción, algo que os tópicos equivocados asocian á ambigüidade. Tras estes longos anos de democracia autonómica, resulta indiscutible que o galego ten claros os seus horizontes e que, ao mesmo tempo, sabe que non sempre as liñas rectas son a distancia máis curta cando se trata de operar sobre realidades sociais e políticas que están en permanente mutación.

 

A pregunta esencial que hai que facerse neste 25 de xullo non é si Galicia ten problemas, que os ten, senón se conta con ferramentas para lles facer fronte. A resposta é que si. A Constitución e o Estatuto poñen á disposición do pobo galego un amplo abano de instrumentos para actuar sen menoscabar a unidade esencial do país. Pero, ademais, Galicia non camiña soa. Ao seu redor existe unha ampla rede de relacións que sustentan o gran proxecto galego. A Galicia do século XXI forma parte dun dos estados máis poderosos e respectados do mundo, dotado dunha estrutura autonómica que garante os dereitos dos cidadáns e os pobos que o compoñen. Galicia é España. Galicia tamén é Europa, e participa con dereitos e deberes na realización dunha das ideas máis grandiosas da historia.

 

Xuntos estamos protagonizando a etapa máis venturosa do noso país. Sintámonos orgullosos por iso. Aquel posesivo antes retórico hoxe é real. A nosa terra é plenamente nosa. A ela nos debemos, por ela traballamos, nela atopamos alento e inspiración, e con ela queremos seguir adiante nos momentos máis prósperos e tamén nos máis amargos, como fixemos o 24 de xullo de 2013, tras o accidente de tren ocorrido en Santiago e que nunca esqueceremos.

 

A Galicia. Con Galicia. Por Galicia. En Galicia. Agora e sempre.

Bo Día de Galicia!

Alberto Núñez Feijóo

NG Anuncios Destacados


  1. ANUNCIOS DESTACADOS
  2. + PUBLICAR ANUNCIO VISIBLE EN TODO EL PERIÓDICO (20.000 visualizaciones / día)
Pontebonita Peluquería
https://www.facebook.com/pontebonitacaldas
Spa/belleza/cuidado personal

IDEXGA
http://idexga.es/
Soluciones gráficas para tu empresa

Rótulos Pontevedra
http://www.rotulospontevedra.com/
Diseño gráfico, rótulos, cartelería...

MeGustaGalicia
http://www.megustagalicia.com
Información turística sobre Galicia

Entrada no válida

Entrada no válida

Entrada no válida

Entrada no válida

Entrada no válida

JPG | PNG | GIF (MAX. 200X200px | 150Kb)


Entrada no válida

0,00 EUR


All CMS Templates