viernes. 29.03.2024

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, informou  no Pleno do Parlamento de Galicia, da situación dos servizos das urxencias do Servizo Galego de Saúde en relación coa situación de gripe na poboación, e para dar a última información sobre a hepatite C na nosa Comunidade e no Sistema Nacional de Saúde.


Rocío Mosquera detallou as medidas máis relevantes postas en marcha polo seu departamento para facer fronte ao pico da gripe. Así, no período que vai dende o 22 de decembro ao 18 de xaneiro, o Sergas habilitou ata 341 camas adicionais, ademais de executar contratos adicionais e reforzos das xornadas, realizando ata 277 contratacións. Asemade, deriváronse 348 pacientes a centros concertados. Por tanto, puxéronse todos os recursos necesarios a disposición dos pacientes e profesionais coa maior axilidade posible, -dixo a conselleira-.


Tamén remarcou que a actividade cirúrxica e a atención aos pacientes, tanto urxentes como programados, estivo garantida en todo momento con criterios de calidade, pese a alta demanda asistencial. Só houbo que reprogramar cirurxía e pasar a facer procesos que non requirían ingreso no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e no de Vigo, e lembrou que ésta é unha das medidas que se toma todas as tempadas para poder dar resposta aos pacientes de urxencias, sempre prioritarios na súa atención.


Non obstante, a conselleira dixo que o seu departamento analizará todos e cada un dos aspectos desta temporada de gripe cos profesionais para ver onde se pode mellorar. Así, revisarase o sistema de predición da onda de gripe para tentar ser máis precisos e tamén revisaranse os plans de continxencia dos centros para que a resposta sexa máis rápida e axeitada á demanda.


Xunto con todo o anterior, tamén revisarase a campaña de vacinación da gripe para incrementar as taxas, tanto en cidadáns como en profesionais e, sobre todo, dixo a conselleira, continuaremos a traballar para mellorar a atención a pacientes crónicos e pluripatolóxicos en todos aqueles aspectos que eviten a descompensación dos mesmos.


Factores determinantes da maior afluencia


A conselleira detallou unha serie de factores que provocaron unha maior afluencia de pacientes en moi pouco tempo tanto aos Puntos de Atención Continuada como aos servizos de urxencia hospitalarios. Así, comparando o período comprendido entre o 16 de decembro e o 15 de xaneiro en 2014-2015, en relación ao mesmo período na pasada temporada 2013-2014, obsérvase que nos PACs atendéronse 19.157 urxencias máis (151.437 fronte a 132.800), o que representa un 14,8% por riba da temporada anterior. Así mesmo, nos hospitais rexistráronse 3.185 urxencias máis (87.865 fronte a 84.580), un incremento do 3,76%.


Este aumento a conselleira o achaca a diversos factores entre os que citou que, nesta temporada, a gripe está producida maioritariamente por virus de cepas AH3N2, diferentes ás circulantes nas dúas temporadas anteriores. Esta cepa afecta a persoas maiores de 65 anos, polo tanto con máis patoloxía de base que agrava. Así, en concreto destacou que realizáronse 1.436 ingresos máis (6.317 fronte a 4.881), un 9,65% máis, o que indica que as patoloxías atendidas resultaron máis e de maior gravidade.


Ademais, estimábase que o pico da onda produciríase na segunda quincena de xaneiro e sen embargo en Galicia adiantouse en tres ou catro semanas, de feito a nosa comunidade foi a primeira en estar en fase epidémica. Tamén destacou a conselleira a taxa de vacinación fronte a gripe en maiores de 65 anos, que foi so do 52,3%, o que ocasionou que os pacientes chegaran a urxencias máis graves, e con maiores complicacións, precisando ingreso hospitalario. Sinalou que o 69% dos pacientes ingresados non estaban vacinados. Neste senso, Rocío Mosquera dixo que é necesario continuar coas actividades de sensibilización para conseguir mellores coberturas de vacinación, convencendo á cidadanía de que a vacina é moi efectiva e a mellor medida de prevención tanto da gripe como das súas complicacións.


Agradecemento á cidadanía e aos profesionais


Na súa comparecencia, a conselleira de Sanidade tivo unhas palabras de agradecemento para a cidadanía, posto que cada vez amosan unha mellor utilización dos servizos sanitarios, facendo para estas atencións un maior uso dos PACs que das urxencias hospitalarias, contribuíndo así a unha mellor xestión deste tipo de situacións. Tamén agradeceu o traballo dos profesionais que, coma sempre, en momentos de dificultade, son capaces de dar o mellor de si mesmos polos pacientes e a organización.


Hepatite C


Respecto da hepatite C, Rocío Mosquera garantizou que aqueles pacientes que cumpran os criterios clínicos establecidos para os novos tratamentos os reciban de maneira homoxénea para toda Galicia, garantindo así a equidade. Ao respecto subliñou que o seu departamento está a traballar co Ministerio de Sanidade e coas comunidades autónomas co obxectivo de garantir o acceso destes pacientes aos novos tratamentos. Así, na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde celebrado o pasado día 14, adoptouse un acordo por unanimidade entre o Ministerio de Sanidade e as 17 comunidades autónomas para a elaboración dun plan estratéxico a nivel nacional para abordar esta enfermidade.


Incidiu a conselleira, ademais, que o Sergas está a garantir a homoxeneidade e a equidade de acceso aos novos antivirais grazas ao asesoramento realizado a través dunha comisión colexiada, composta por facultativos especialistas no tratamento desta enfermidade e que avalían todos os posibles casos susceptibles de tratamento para esta patoloxía.

Sanidade habilitou ata 341 camas adicionais e realizou ata 277 contratacións de reforzo...