jueves. 28.03.2024

  • "Máis de 3.600 pais e nais solicitaron esta axuda que lles permite elixir a escola infantil que desexen para os seus fillos”.
  • "O Goberno galego está a reforzar as medidas de conciliación con máis recursos para os bonos Concilia e Coidado, a Tarxeta Benvida e as Casas Niño".

 

A Consellería de Política Social ten entre as súas liñas de actuación prioritarias fomentar a conciliación da vida familiar, laboral e social; co obxectivo de que Galicia sexa o mellor lugar para vivir, formar unha familia e, sobre todo, ser neno ou nena. Trátase de seguir compensando os esforzos dos pais e nais dándolles axudas dirixidas a contribuír á crianza dos seus fillos ou fillas, así como máis recursos para o coidado e atención dos mesmo.

 

En cumprimento deste obxectivo, o orzamento da Xunta para 2018 reforza as partidas económicas dirixidas a área de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica que aumentan un 8% con respecto ao presente ano ata sumar un montante global de 133,2 millóns de euros. Un dato significativo é que desde a creación da Consellería de Política Social o crecemento acumulado deste departamento autonómico ascende ao 54%, o que pon de manifesto a forte aposta deste Goberno polo apoio ás familias e polo desenvolvemento integral dos menores.

 

Este continuo crecemento da inversión en políticas activas de apoio á familia e á infancia está a permitir a consolidación e mellora do Programa de apoio á natalidade de Galicia (PAN Galicia), que se comezou a desenvolver a finais do ano 2015 e que contempla un amplo abano de iniciativas e axudas dirixidas a avanzar cara o obxectivo da conciliación real e efectiva, como o a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia o Bono Coidado ou as Casas Niño, e das que se benefician numerosas familias galegas.

 

Así, en 2016 e no que levamos do presente ano máis de 26.500 familias teñen sido ou son usuarias da mesma, sendo a día de hoxe o investimento da Xunta nesta medida de 32,4 millóns de euros. O Executivo autonómico estenderá esta tarxeta ata os 3 anos para aqueles nenos e nenas nados en 2018 cuxa renda familiar sexa igual ou inferior aos 22.000 euros. Deste xeito, serán máis familias e durante máis tempo as que se beneficien das vantaxes desta medida, que consiste nunha axuda directa aos pais e nais de 1.200 euros ao ano para destinar a produtos básicos na crianza dun bebé: roupa, alimentación, produtos de hixiene ou de farmacia, entre outros.

 

No que atinxe ao Bono Concilia, no actual curso escolar 2017-2018 un total de 3.648 pais e nais poderán beneficiarse desta medida, cifra que supón un incremento superior ao 40% en comparación co curso anterior. O Bono Concilia garante que todos os pais e nais que non acceden a unha praza de escola infantil financiada con fondos públicos reciben axuda para elixir o centro ao que desexen levar os seus fillos ou fillas. 

 

Por outra banda, a Consellería de Política Social está a reforzar o programa do Bono Coidado. De feito, o Goberno galego ten aberta na actualidade unha nova convocatoria que presenta importantes melloras con respecto a do ano pasado, sendo a principal a extensión desta axuda económica ás familias con nenos e nenas menores de 12 anos, cando antes estaba limitada ata os 3 anos. O programa do Bono Coidado ten como finalidade colaborar no pago do importe de servizos de atención á infancia a domicilio por enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado polos membros da unidade familiar, ben sexa por enfermidade do coidador/a habitual ou por situacións puntuais de carácter laboral, entre outras posibles circunstancias ocasionais. Na primeira convocatoria desta medida, correspondente ao exercicio 2016-2017, foron 176 as familias beneficiarias na nosa comunidade.

 

E unha última medida de conciliación salientable polo seu carácter pioneiro e porque está dirixidas a familias que residen en concellos rurais é a das Casas Niño. Galicia conta na actualidade con 30 recursos deste tipo en funcionamento, que son gratuítos para os pais e nais e onde se ocupan da atención de nenos e nenas de 0 a 3 anos. Ademais dunha oportunidade para a conciliación, as Casas Niño son unha alternativa máis para atraer e fixar poboación no rural, axudar a dinamización da economía local e fomentar o reequilibrio territorial.

 

A Xunta de Galicia entende que con estas e outras medidas de apoio á familia e á conciliación -como o incremento das prazas en escolas infantís e das bonificacións no pago da matrícula, así como o aumento do permiso de maternidade ata as 22 semanas para o persoal da Administración autonómica- ser pai ou nai en Galicia ten hoxe máis respaldo que nunca. O obxectivo é xerar o contorno social máis favorable para vivir, formar unha familia e o desenvolvemento integral da infancia.

‘As familias beneficiarias do Bono Concilia en Galicia aumentan nun 40% neste curso’