viernes. 19.04.2024

A Xunta aprobou en Consello os decretos tanto de Primaria como de FP Básica adaptados á LOMCE. No que atinxe ao novo decreto para Primaria, faise unha aposta clara pola calidade do ensino e por unha aprendizaxe competencial, o que supón unha maior aproximación ás recomendacións do Parlamento e do Consello europeos. Ao mesmo tempo, fomentará a calidade do ensino, equidade e inclusión educativa das persoas con discapacidade, a atención á diversidade, a igualdade de oportunidades e a non-discriminación. Desta forma Galicia únese ás outras 8 Comunidades Autónomas que contan xa cunha normativa con rango de decreto para regular para as ensinanzas de primaria modificadas pola Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) que se implantan no 2014/2015 (Asturias, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Extremadura, Madrid, A Rioxa e Valencia.

 

Tal e como se comprometera, a Consellería de Cultura e Educación vén de reforzar as matemáticas en Primaria, co fin de mellorar os resultados do alumnado nesta competencia; e mantén 2 horas semanais en todos os cursos para a educación artística. Así, na distribución total do horario lectivo as matemáticas gañan 2 horas, unha en 5º e outra en 6º. Así mesmo, en 4º e 6º curso os centros disporán dunha hora de libre configuración que, facendo uso da súa autonomía e respectando o establecido polo Decreto do Plurilingüismo, poderán dedicar a reforzar ou ampliar aquelas materias que, dentro do seu proxecto educativo, consideren oportuno. Esta medida ten como finalidade aumentar a autonomía dos centros e permitir que estes adecúen o reforzo a aquelas áreas de coñecemento nas que noten máis debilidades como consecuencia das probas de diagnóstico previstas pola (LOMCE), ou ampliar algunhas materias.

 

Por outra banda, a FP Básica supón un significativo avance respecto dos PCPI (Programas de Cualificación Profesional Inicial), permitindo que o alumnado que remate estes ciclos teña un Título de FP Básica, que ten xa os mesmos efectos que o de graduado en ESO á hora de obter un emprego público ou privado. Neste sentido cómpre sinalar que se trata dunha ensinanza encadrada na Clasificación Internacional Normalizada da Educación da UNESCO, no nivel CINE 3, o que lle dá aínda máis categoría a estas ensinanzas e posibilidades de validación.

 

Entre outras vantaxes comparativas, estes ciclos permiten a mobilidade dos estudantes entre as diferentes Comunidades Autónomas; e os maiores de 21 anos que acrediten unidades de competencia poderán acceder a obter un título de FP Básica, o que non era posible cos PCPI.

 

Así mesmo, créase unha oferta en Galicia de 9 Programas Formativos para o alumnado con necesidades educativas especiais, cunha duración de 1 ano, tras o que o alumnado recibirá un certificado de realización de estudos. Cómpre lembrar que este curso xa se ofertan en Galicia 18 titulacións de FP Básica, así como 8 programas formativos diferentes que atenden de forma específica ao alumnado con necesidades educativas especiais. Estes programas formativos terán unha duración dun curso académico e incluirán módulos de títulos profesionais básicos asociados ao bloque común, e outros de formación apropiados para a adaptación ás súas necesidades. Isto supón un total de 4.240 prazas ofertadas en 212 grupos distribuídos por toda a xeografía galega.

As claves do primeiro curso de aplicación da LOMCE en Galicia