martes. 16.04.2024

pluri

O Plan de potenciación das linguas estranxeiras da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chegará o vindeiro curso a preto de 85.500 alumnas e alumnos, un 18,4% máis ca no ano académico 2013/2014. Isto supón que 4 de cada 10 estudantes galegos do ensino obrigatorio se beneficiarán desta estratexia da Xunta de Galicia para a aprendizaxe de idiomas, na cal participarán a partir de setembro preto do 80% dos centros sostidos con fondos públicos. De feito, a Rede de centros plurilingües integrará en 2014/15 case o 18% dos centros sostidos con fondos públicos, e a de seccións bilingües a máis do 62%.

 

Deste xeito, este curso 2014/15 haberá un total de 220 centros plurilingües, un 19% máis ca no anterior, do que se beneficiarán preto de 31.500 estudantes. No caso das seccións, haberá un total de 3.223, 367 delas de nova incorporación, nun total de 768 centros educativos, 64 máis ca no curso 2013/14, que chegarán a preto de 52.000 alumnas e alumnos.

 

Tanto os centros plurilingües como parte das seccións bilingües contarán co apoio dun total de 454 auxiliares de conversa nativos, un 4,3% máis ca no curso anterior, o que volve colocar Galicia nos primeiros postos en España neste eido, pois é a segunda Comunidade Autónoma en ratio de auxilares por alumnos e a terceira en número total. Cómpre, ademais, sinalar que desde o curso 2008/09 os auxiliares no noso sistema educativo se multiplicaron case por 7, froito do esforzo da Consellería para establecer novos convenios de colaboración neste eido como os subscritos cunha entidade académica chinesa (Hanban) e outra portuguesa (Instituto Camões).

 

NOVIDADES:

Está previsto implantar por primeira vez en Galicia –en concreto no IES Xosé Neira Vilas de Oleiros (A Coruña)- o programa de dobre titulación en bacharelato e ‘baccalauréat’ francés; así como do programa de diploma bilingüe inglés-español liderado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, neste caso nos centros públicos que impartan bacharelato internacional.

 

OUTRAS ACTUACIÓNS:

Formación do alumnado fóra do horario lectivo:

- Cursos para a formación complementaria da aprendizaxe en linguas estranxeiras (CUALE): Cos datos previstos para o curso que vén, a iniciativa tería chegado xa nesta lexislatura a máis de 2.700, case os mesmos ca no período 2010/13.

 

- Estadías para mellorar as súas competencias lingüísticas: Nestes dous cursos ofertáronse 2.285 prazas, e engadíronse, ao tradicional modelo de estadías no verán, actividades formativas tamén no outono.

 

- Ademais, no ano académico 2014/15 continuará a funcionar o Programa experimental de acompañamento en lingua estranxeira - posto en marcha por primeira vez no curso 2011/12- dirixido a mellorar as competencias en linguas estranxeiras do alumnado de centros de ensino de localidades rurais que non forman parte da rede de plurilingües ou non dispoñen de seccións bilingües. A previsión é que esta iniciativa chegue un ano máis a 820 escolares de 49 centros diferentes.

 

Actuacións dirixidas ao profesorado:

- Para o vindeiro curso, ao abeiro deste terceiro eixo do Plan, está previsto incrementar nun 7% as prazas no Programa integral para a aprendizaxe de linguas estranxeira (PIALE), no marco do cal se ofertan actividades formativas para profesorado especialista e non especialista en idiomas, tanto no estranxeiro como en España, grazas aos novos acordos de colaboración establecidos coas autoridades de Amiens (Francia) e Alberta (Canadá).

 

- Cursos de comunicación e actualización lingüística e comunicativa (CALC): A previsión mantense nos 62 cursos e 1.240 prazas por ano académico. Deste xeito, desde o comezo no 2010/2011 dos CALC teranse ofertado 4.540 prazas nas 227 actividades programadas.

 

PLURILINGÜISMO