jueves. 18.04.2024

A Deputación de Ourense é o primeiro goberno provincial que pon en marcha un programa de termalismo social transfronteirizo España-Portugal, permitindo aos residentes da eurocidade Chaves-Verín beneficiarse do programa de Termalismo Saudable "Ourense, a provincia termal" que desenvolve a institución provincial, e que ofrece tratamentos termais, servizos médicos e actividades socio-culturais nas instalacións balnearias da provincia de Ourense.O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar asinou hoxe na sede da eurocidade co alcalde de Verín, Juan Jiménez, e co vicepresidente da Cámara Municipal de Chaves, Carlos Penas, o convenio de colaboración que permitirá aos cidadáns portugueses residentes en Chaves participar do programa de Termalismo Saudable en igual condición que os empadroados en calquera municipio da provincia de Ourense, en virtude da súa pertenza á eurocidade Chaves-Verín.

 

O Programa de Termalismo Saudable 2015 significa a extensión por primeira vez dunha política social desenvolvida por unha administración provincial española aos cidadáns do país veciño en base da súa pertenza a unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) como é a eurocidade Chaves-Verín.En opinión de Manuel Baltar, "esta iniciativa supón un impulso máis ao desenvolvemento dun sector estratéxico para a provincia de Ourense como é o Termalismo, unha aposta inequívoca do goberno provincial por potenciar unha das nosas singularidades, e agora, coa internacionalización da nosa riqueza termal, favoreceremos a promoción non só do noso termalismo senón tamén do noso patrimonio, turismo, gastronomía e medio natural".

 

A igualdade de trato entre os cidadáns empadroados en calquera municipio de Ourense e os cidadáns residentes en Chaves-Verín, que recolle o Programa de Termalismo Saudable, é coherente coa asunción do concepto das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial, "unha identidade xurídica que facilita o recoñecemento da nova dimensión transfronteiriza para aproveitar as oportunidades que esta situación de privilexio xeográfico concede aos residentes de ámbolos dous lados da fronteira", explica Manuel Baltar.

 

Ocio e saúde

ADeputación de Ourense, por medio da súa Área de Benestar, publicará no BOP o próximo 9 de febreiro o Programa de Termalismo Saudable 2015 "Ourense, a provincia termal", unha actuación enmarcada no ámbito das políticas sociais que oferta servizos de saúde, benestar e envellecemento activo a través do termalismo social baseado nos beneficios -en termos de calidade de vida- que ofrecen as propiedades terapéuticas das augas declaradas como mineiro-medicinais, os servizos médicos asociados ao seu desfrute e as actividades socioculturais que se prestan nas instalacións termais da provincia de Ourense.

 

O programa contempla distintas modalidades nas que poden participar os cidadáns que cumpran os requisitos de idade que cada modalidade esixe, con independencia do concello de España no que residan, se ben a subvención á que aceden é maior se están empadroados nalgún municipio da provincia de Ourense ou residen na eurocidade Chaves-Verín.A xestión do programa realízase a través da administración electrónica para que o beneficiario poida tramitar a súa solicitude dende calquera lugar e a calquera hora, obtendo unha resposta inmediata e en tempo real sen demoras nin retrasos.

 

No mesmo momento no que o cidadán realiza a solicitude on-line obtén a resolución da administración.Asemade, as bases reguladoras do Programa 2015 tamén contemplan o papel das "Entidades Adheridas", unha figura ideada para todas aquelas entidades que queiran proporcionar apoio tecnolóxico aos seus cidadáns a través da xestión das solicitudes.Os organismos interesados poderán xestionar solicitudes ao programa, para o cal, previamente, terán que asinar un convenio coa Deputación de Ourense que os acredita como "Entidade Adherida" ao programa. Desta maneira, os cidadáns poderán xestionar as súas solicitudes a través dos Servizos Sociais da eurocidade, tanto os de Verín como os de Chaves, converténdose a AECT e os concellos que a conforman nos primeiros en adquirir a condición de "Entidade Adherida" ao programa de Termalismo Saudable 2015 da Deputación de Ourense.

A Deputación de Ourense presenta o primeiro programa transfronteirizo de termalismo...