jueves. 28.03.2024

 O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da 44ª edición da Festa do Peixe de Bande, unha das celebracións gastronómicas e culturais de máis tradición e máis antigas, declarada de Interese Turístico de Galicia, e que, segundo o alcalde de Bande, José Antonio Armada, reunirá entre os días 29 e 31 de maio a unhas 5.000 persoas nos actos organizados na presente edición, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense.

 

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o alcalde de Bande, presentaron este evento, co que se abre o calendario de celebracións gastronómicas na provincia de Ourense. Manuel Baltar dixo que a Festa do Peixe é unha celebración singular e consolidada "que achega un importante retorno económico tanto para Bande e a súa comarca como para a provincia", e felicitou ao municipio de Bande e ao seu alcalde "por ser un dos concellos no que máis se dinamizan as actividades no rural, e boa proba diso é que esta é unha das festas de maior arraigo popular na provincia de Ourense, algo que acreditan os centos de persoas que nestas datas se achegan a Bande na procura de lecer, nun evento no que a tradición, a gastronomía e o deporte van da man, xunto cun destacado respecto pola natureza e o medio ambiente".

 

O programa deste ano inclúe, segundo explicou José Antonio Armada, actividades musicais e deportivas, stans gastronómicos, mercado de artesanía, campionatos de pesca e caza e unha exhibición de patinaxe, "ademais do tradicional "Charangódromo" polo que pasan cada ano as mellores charangas de Galicia", afirmou Armada. A Festa do Peixe é unha das celebracións de gastronomía fluvial máis importantes de España, na que tradición e ocio únense nunha celebración que, logo de máis de catro décadas, coloca a Bande como referencia dunha cociña natural, que exalta por riba de todo o peixe, e tamén o pan, os doces e os pratos típicos de Bande e da Baixa Limia.

Presentación da 44ª edición da "Festa do Peixe" de Bande