sábado. 20.04.2024

 A igrexa de Cordeiro acolleu na tarde de onte os actos relixiosos da festividade de Corpus Christi, un dos días grandes da parroquia. Ducias de veciños ateigaron o templo parroquial durante a misa na horna do Santísimo e participaron na posterior procesión que tivo como grande atractivo as alfombras florais coas que veciños de Cordeiro engalanaron os arredores da igrexa.

 

Ducias de persoas traballaron sen descanso na elaboración e deseño do tapices durante a tarde noite do sábado e a mañanciña do domingo para adornar as tres entradas ao templo parroquial e instalar as tres paradas da procesión, que contou co acompañamento musical da Banda de Música Municipal de Valga e coa actuación da Coral Polifónica Santa Comba.

 

As alfombras florais espertaron a admiración de todas as persoas que asistiron aos oficios relixiosos, pola minuciosidade dos deseños, na meirande parte relixiosos, e polo inxente traballo realizado polos veciños que participaron na súa confección. As tarefas para preparar os tapices prolongáronse durante mais de dous meses. No mes de abril comezaron a recolleita de flores de distintas cores e arbustos polos montes de Valga, Rianxo ou Vilagarcía: margaritas silvestres, carroucha, mimosa, tulla, mirto, pétalos de caraveis, hortensias e cocos de eucalipto que despois trituraron, deixaron secar ou conxelaron para facilitar a súa conservación.

 

O sábado pola tarde, empregando tractores e remolques, transportaron todos os materiais ata os arredores da igrexa. Chegou entón o momento mais importante, o da elaboración minuciosa de cada tapiz, un proceso no que coidaron ata o mais mínimo detalle para que lucisen impecables a pesar do sofocante calor das últimas xornadas.

A parroquia de Cordeiro celebrou a festividade de Corpus Christi