jueves. 28.03.2024

Un circuíto habilitado nos arredores das instalacións deportivas de Campaña acolle o vindeiro día 29 de xullo a duodécima edición do Slálom Memorial Xosé Ramón Santos. A proba, de carácter nacional e puntuable para o Campionato Galego de Slálom, é organizada polo Concello de Valga e máis a Escudería Charli Romeo, inscrita na Federación Galega de Automobilismo.

 

A competición, que recorda ao piloto e concelleiro de Valga Xosé Ramón Santos, falecido en 2005, admite vehículos da agrupación I (ata 1.150 c.c. e tracción dianteira), agrupación II (desde 1.151 a 1.600 c.c. e tracción dianteira), agrupación III (a partir de 1.601 c.c. e tracción dianteira), agrupación IV (tódalas cilindradas e tracción traseira), agrupación V (tódalas cilindradas, tracción total) e agrupación VI (vehículos do grupo P).

 

Poden participar toda clase de vehículos de turismo, con carrozaría pechada ou teito duro, dun mínimo de dúas prazas e que estean homologados, proveñan de series de fabricación e en posesión da ITV e seguro obrigatorio. Está permitido o uso de neumáticos de competición (slicks ou similares), quedando prohibida a utilización dos denominados de tacos, contacto, cravos e cadeas, así como rodas de tipo M, M+S, M4, M5 e C. Admitiranse inscricións ata as 23 horas do día 27 de xullo.

 

As solicitudes poden realizarse na páxina web da Federación Galega de Automobilismo (www.fga.es) e a inscrición a través do correo electrónico da Escudería Charli Romeo ([email protected]) remitindo as correspondentes licencias, entre elas a do piloto, o seguro obrigatorio do vehículo en vigor e a tarxeta de inspección técnica de vehículos coa ITV en vigor. Na xornada previa á proba, o 28 de xullo, publicarase a lista de inscritos. A organización contratará unha póliza de seguros nas condicións marcadas pola Federación Galega de Automobilismo que garanta unha cobertura mínima segundo a regulamentación vixente.

 

O slálom disputarase nun circuíto de asfalto plan radial nacional, emprazado nas inmediacións das instalacións deportivas de Campaña, entre o recinto que acolle o Belén Artesanal e a Rúa Nova. Entre as 11:30 e as 14 horas do día 29 de xullo realizaranse as verificacións administrativas e técnicas e, a continuación, darase a coñecer a lista de vehículos autorizados a tomar a saída. Para as 15:30 horas están previstos os adestramentos e, a continuación, as dúas mangas oficiais. Os seis primeiros clasificados recibirán premios que oscilan entre os 320 e os 80 euros. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros de cada agrupación.

Campaña acolle o día 29 de xullo a XII Edición do Slálom Memorial Xosé Ramón Santos