sábado. 20.04.2024

O mozo Iván Sanmiguel Lorenzo, veciño de A Torre (Campaña) e estudante cun dos mellores expedientes académicos do IES de Valga e dos centros de Ensino Medio de toda Galicia, será o pregoeiro da XXVII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, cuxas actividades dan comezo esta fin de semana e que terá o seu día grande o vindeiro sábado 26 de agosto. O Concello quere así recoñecer o gran esforzo formativo que realizan, respaldados polas súas familias, mozos como Iván e a súa compañeira Antía Figueira Gómez, que hai unhas semanas foi tamén recoñecida pola Universidade de Santiago de Compostela debido, igualmente, aos seus excelentes resultados académicos. Antía acadou unha nota media de 13,54 sobre un máximo de 14 e Iván un 13,08 nas probas de acceso á universidade.

 

A intención do goberno local era que os dous, de forma conxunta, pronunciasen o pregón que, ás 21:30 horas do sábado 26, dará paso aos actos principais da festa, se ben outros compromisos xa programados impiden que Antía, que se atopa estas semanas no extranxeiro, poida participar no evento gastronómico.

 

Con este notable cambio á hora de elixir os pregoeiros da Festa da Anguía e Mostra da Caña, deixando a un lado aos perxonaxes famosos ou televisivos en beneficio de persoas vinculadas a Valga, o Concello quere recoñecer aos veciños da vila que destaquen en calquera ámbito, neste caso no educativo, de xeito que sirva de estímulo a outros mozos para poñer o máximo esforzo durante a súa etapa formativa para, algún día, poidan chegar a converterse tamén en pregoeiros da súa festa seguindo os pasos de Iván Sanmiguel. “Dalgún xeito, el é tamén un persoeiro de Valga”, remarca o alcalde, José María Bello Maneiro.

 

- Que supón, a nivel persoal, pronunciar o pregón nas festas da túa vila natal?

- Recibín a proposta, en primeiro lugar, con sorpresa xa que normalmente o pregón asígnase a un persoeiro célebre, un actor, un monologuista ou unha persoa que amenice ben, e tamén con moita gratitude. Paréceme moi ben que un Concello recoñeza os méritos académicos das persoas, xa que sempre é un estímulo para que outros mozos se esforcen na súa formación. Se o premio é ser o pregoeiro das festas locais, está moi ben.

 

- Que representa para ti a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País?

- Esta festa é unha maneira de enaltecer o enxebre e os sentimentos do noso pobo, e iso fai empatizar moito aos veciños. O feito de que todos se vexan amparados polo mesmo sentimento e as mesmas tradicións é moi emotivo. Persoalmente, gústame moito o espazo no que se celebra, o Parque Irmáns Dios Mosquera, porque o meu avó e o meu pai son de Desabanda, xusto ao ladiño, polo que lle teño moito cariño a ese lugar. No tocante aos produtos que enxalza o evento, a anguía probareina o vindeiro sábado (risas), e gústame que se promocione a elaboración artesanal da caña. É habitual que nos amosemos reacios aos produtos foráneos, algo moi comprensible pola mera cuestión de que os nosos son feitos na casa e porque, ademais, están máis ricos.

 

- Que opinión che merece que o Concello aposte, nesta edición, por unha persoa da vila para ler o pregón?

- Ademais da sensación de sorpresa que xa mencionei antes, xa que é unha gratificación que un estudante nunca espera, visto con outra perspectiva é unha maneira de enxalzar a outra clase de persoeiros, aínda que eu non me considero un, e tamén se lanza unha mensaxe aos demais mozos para que se decaten de que estudar non é un traballo en balde. Todos estudamos co mesmo obxectivo, ter un futuro mellor, pero estes premios a media distancia axudan a animar máis aos alumnos, sobre todo aos que de vez en cando precisan dun empurrón porque son normais os altibaixos. Este afán de fomentar a educación e todas as iniciativas culturais, sexan máis ou menos acertadas, encántanme porque así un non esquece nunca o importante que é a cultura para conseguir unha sociedade que non se deixe levar polos instintos máis baixos.

 

- A grandes rasgos, tes xa claro o que queres dicir á tardiña do día 26?

- Seguirei as partes clásicas dun discurso. Comezarei cunha mensaxe de benvida a todos e un agradecemento por asistir, xa que feito de que a xente vaia á festa axuda a que eu tamén estea alí, é algo recíproco. Recordarei a historia desta celebración e, en definitiva, o que pretendo é que a xente o pase ben e esqueza un pouco as penurias do día a día. Apelarei ás emocións, ao sentimento de orgullo de ser do noso pobo e ao que isto supón para todos nós.

 

- Falando e orgullo, sínteste orgulloso de ser de Valga?

- Non é algo que poida escollerse. É onde nacín, polo tanto pura subxectividade. Lembro que no acto de recoñecemento aos mellores expedientes que organizou a Universidade de Santiago o representante do Concello de Santiago dixo que un non é de onde nace, senón de onde estuda Bacharalato. Eu teño as dúas cousas. De feito, estou moi arraigado en Valga. Aquí nacín, teño boa parte da miña familia, fixen as miñas primeiras amizades, estudei Primaria, Secundaria e Bacharalato… Dame rabia que moita xente, cando lle digo de onde son, non coñeza Valga. Quero facerme famoso só para que na Wikipedia poña: “Nacido en Valga” (risas).

 

- En setembro comezas unha nova etapa, a universitaria. Que carreira vas a estudar?

- A morriña vai ser moi grande. Vou estudar Filoloxía Francesa e trasladareime a vivir a unha residencia de estudantes en Santiago. Aínda así, non vou cortar de todo o cordón umbilical, xa que todas as fins de semana volverei a Valga. - Se tiveras a oportunidade de elixir a unha persoa do municipio como pregoeiro para a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, a quen escollerías? - É complicado… Supoño que a alguén que represente os sentimentos de toda a veciñanza e que sexa unha persoa querida. Quizais a algún profesor aínda que, por min, que o dera miña nai, serían unhas risas.

Iván Sanmiguel, pregoeiro da festa da Anguía e da Caña: “Quero facerme famoso só para...