sábado. 20.04.2024

Un total de vinte e catro augardentes brancas, tostadas e de herbas presentáronse ao Concurso da Caña do País, unha iniciativa que se enmarca dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País que celebra o seu día grande o vindeiro sábado. O certame, ao que podían concorrer destiladores artesanais dados de alta no rexistro da Axencia Tributaria, reparte 700 euros en premios entre os produtores dos mellores licores.

 

O prazo para presentar a caña debidamente embotellada rematou este mediodía. Son nove as augardentes de herbas que concorren ao concurso, oito brancas e sete tostadas. As catas comezarán esta tarde na Casa do Concello coa participación dos catadores Juan Carlos García Busto, Serafín Novo López, Manuel Blanco Picón e Antonio Castaño García, todos relacionados co mundo da augardente e que, nalgúns casos, foron produtores de destilados. Ás 20 horas de hoxe terá lugar a precata, na que se fará unha primeira selección de licores, sendo mañá á mesma hora cando o xurado decida aos gañadores en cada modalidade.

 

Os produtores das mellores augardentes daranse a coñecer o sábado durante os actos da XXVII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País que se celebra no Parque Irmáns Dios Mosquera. O produtor da mellor caña branca será gratificado con 300 euros, mentras que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a 200 euros. Os segundos clasificados recibirán un trofeo e un diploma conmemorativo. O gañador de cada unha das modalidades quedará obrigado, segundo as bases do concurso, a vender ao Concello o garrafón de caña premiado.

24 Augardentes brancas, tostadas e de herbas compiten no concurso da caña do país de Valga