sábado. 20.04.2024

O Partido Popular insta a un dos concelleiros de Urbanismo de Pontevedra, Luis Bará, a que presente publicamente e pacte cos veciños unha proposta para arranxar definitivamente o paso de peóns entre as rúas de Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac, e evitar deste xeito que se execute outra chapuza na zona. O presidente do PP local, Jacobo Moreira, pide ao goberno de Fernández que non malgaste máis cartos en obras “que hai que arranxar unha e outra vez” por improvisacións, porque non se idearon ben ou porque realmente contrataron traballos moi precarios.

 

No caso deste paso de peóns tan céntrico, o PP xa denunciou en varias ocasións a desacertada solución pola que optou o goberno municipal para unha das principais arterias do centro urbano. Dende que finalizaron as cuestionadas obras de asfaltado e lastrado da rúa de Benito Corbal, en novembro do ano pasado, o equipo de Lores non foi quen de dar solución ao paso de peóns ata catro meses despois, en marzo de 2014.

 

“Pasou xa un ano dende que comezaron os traballos nesta rúa e atopámonos ante unha vía mal acababa, mal executada e na que xa se tiveron que facer varias reformas”, sostén Jacobo Moreira. A última foi a substitución do pavimento do paso de peóns, un pavimento que voou en gran parte, e que o Concello xa anunciou que volvería a cambiar. O propio concelleiro Bará dixo era un “erro” e que asumía a responsabilidade. “Os cambios de opinións constantes de Lores, Bará e os seus acólitos están a costar moitos cartos a todos os pontevedreses”_ lamenta Moreira_.

 

Despois dos máis de 160.000 euros que custou o asfaltado e lastrado da rúa, gastaron 9.982 nesa mancha á que chaman paso de peóns, e non sabemos o que destinarán das arcas municipais ao último arranxo desta zona, se é que chega algún día”. O PP insiste en que este “é o peor exemplo do cacarexado modelo urbano de Lores” que nos últimos tempos está a amosar traballos máis que cuestionables como as reformas de Blanco Porto, Santa Clara ou a avenida de Lugo, entre outros.

 

“Os pontevedreses _di o voceiro popular_ merecen un goberno que traballe por e para todos eles, non un goberno que improvisa nas súas actuacións e termina ofrecendo durante todo o verán unha imaxe nefasta aos turistas que se achegaron á cidade”. De feito, o asfaltado e lastrado de Benito Corbal, de deixou pendente a solución do cruce con Daniel de la Sota e Cobián Roffignac, xa nacera cun considerable retraso por falta de consignación orzamentaria.

 

O vulgar resultado final, xunto co reiterado ridículo da actuación no paso de peóns, converten a esta obra nunha das chapuzas máis rechamantes das moitas executadas por Fernández Lores.

O PP insta a Bará a pactar unha solución definitiva á chapuza de Benito Corbal