viernes. 29.03.2024

O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación dos Cursos de Extensión Universitaria 2014 que organiza o Campus de Ourense e financia a Deputación de Ourense no marco do convenio de colaboración que anualmente asina a institución provincial coa Universidade de Vigo.

 

En total serán 13 accións formativas nas que poderán participar 669 alumnos, tanto da comunidade universitaria como da sociedade en xeral. Os cursos abordan temáticas dos ámbitos científico-tecnolóxico, humanidades, novas tecnoloxías, económico-empresarial, social, medio ambiente, tecnoloxía de alimentos, patrimonio e técnicas docentes. O acto de presentación contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e do vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

 

Fernández destacou a colaboración “que existe e seguiremos potenciando” entre deputación e Universidade de Vigo, “unha colaboración que é básica nun escenario como actual no que a cooperación debe presidir as relacións institucionais”, e destacou que os cursos de extensión universitaria “son unha maneira de achegar máis a universidade á sociedade, tanto no que atinxe ao aspecto xeográfico como formativo, con propostas actuais e de interese para a cidadanía”. Pola súa banda, Virxilio Rodríguez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e a súa gran aposta polo Campus de Ourense, e afirmou que estes cursos “son unha proxección da universidade no verán, para facer da capital e da provincia de Ourense un gran campus universitario”. O

 

vicerreitor subliñou que os cursos están orientados cara unha docencia eminentemente práctica, que se realiza nos laboratorios das diferentes facultades e que tamén se achega a Celanova, Muíños e Xinzo de Limia para estender a formación máis aló da capital. A matrícula está aberta dende o 15 de maio. A maioría dos cursos teñen unha media de 30 horas de docencia e un custe de 30 euros, cunha redución para membros da comunidade universitaria e para bolseiros. Os cursos, que este ano se incrementan en dous máis con respecto a 2013, desenvolveranse entre os meses de xuño e outubro.

Os cursos de extensión universitaria do Campus de Ourense ofrecerán este verán 13...