sábado. 20.04.2024

A Deputación de Ourense ampliará as súas dependencias abrindo novas oficinas administrativas no edificio de Correos da Alameda, situado na rúa Progreso da capital ourensá. O principio de acordo –que deberá ser ratificado polos órganos correspondentes- acadado entre o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o presidente de Correos, Javier Cuesta, permitirá o arrendamento de espazos situados neste inmoble, que se destinarán a oficinas da Área de Benestar, Inorde, Recursos Europeos e para o arquivo de publicacións e o arquivo provincial, favorecendo así a expansión das dependencias da institución provincial para unha mellor atención aos cidadáns.

 

Desta maneira, Correos continuará coas súas oficinas na planta baixa do edificio e a Deputación disporá de espazos nas demais plantas, ampliando así as súas instalacións administrativas, situadas actualmente no Pazo Provincial. Prevese que tralos trámites institucionais e administrativos as novas dependencias da Deputación estean operativas antes do vindeiro verán.

 

A reunión na que se materializou este principio de acordo tivo lugar na sede central de Correos en Madrid, xuntanza na que tamén participaron, xunto a Manuel Baltar e Javier Cuesta, os directivos de Correos Ángel Pérez, director territorial; Alberto Alonso, director financeiro, e Edelmiro Castro, director de inmobles. Manuel Baltar afirma que esta ampliación das oficinas da Deputación, nun edificio emblemático como é o de Correos na Alameda de Ourense, "ofrecerá unha mellor prestación dos servizos públicos a concellos e cidadáns, con máis comodidade e espazo, dentro da prioridade política que nos temos marcado como goberno de achegar cada día máis a Deputación de Ourense aos veciños da nosa provincia, poñendo á súa disposición os servizos para avanzar na transparencia, na accesibilidade e interacción da institución provincial coa cidadanía".

 

"Os departamentos da Deputación demandan máis espazo para poder desenvolver as súas funcións dunha forma máis eficiente, con máis servizos e máis presenza, polo cal esta ampliación das oficinas administrativas da Deputación redundará en maior eficiencia e excelencia nos servizos á cidadanía". O presidente da Deputación xa confirmara que "este ano sería o da expansión da Deputación, e esta acción enmárcase nesa estratexia ambiciosa de posicionamento do goberno provincial no centro da cidade, nun edificio emblemático, para ofrecer un servizo aínda mellor aos veciños, concellos, entidades e sociedade en xeral. Inequivocamente, trae consigo unha maior visibilidade da Deputación", afirma Manuel Baltar.

 

O acordo contempla que as dependencias que a Deputación de Ourense ocupará no edificio de Correos abranguerán un total 1.236 metros cadrados, dos cales 29 m2 corresponden á planta baixa, na que se destinará un espazo para venda de publicacións; 100 m2, no semisoto, no que se situará o arquivo de publicacións; 435 m2 na segunda planta, que estará destinada ao arquivo provincial, e 672 m2 na primeira planta, onde se ubicarán dependencias do Inorde, Recursos Europeos e a Área de Benestar. Desta maneira, as actuais dependencias do Inorde pasarán a albergar o futuro Museo da Roda de Afiar, da man de Florencio de Arboiro, un dos proxectos que forman parte do Pln de Mandato "Ourense 15-19". "Un novo compromiso que se fará realidade", destaca Manuel Baltar.

A Deputación de Ourense amplía espazo co edificio de Correos