viernes. 29.03.2024

Dolores Gil Núñez, veciña de Magariños, na parroquia de Setecoros, celebra hoxe o seu 101 aniversario e recibiu as felicitacións do alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e da concelleira de Cultura, María Carmen Castiñeiras, que a visitaron na súa vivenda para agasallala cun ramo de flores e uns doces. Non en balde, Dolores Gil, é a veciña de mais idade do municipio.

 

Outras dúas mulleres valguesas superan xa os cen anos: María Bouzas Senín, de Cerneira, e María Castaño Tarrío, de Cordeiro, que festexarán o seu 101 aniversario os días 8 de xullo e 7 de agosto respectivamente. Dolores Gil, viúva dende hai máis de dúas décadas, tivo tres fillas das que viven dúas, e a súa familia está formada tamén por cinco netos, doce bisnetos e tres tataranetas, a máis nova cun ano de idade.

 

Esta veciña de Magariños explica que aínda fai ela mema a súa cama a diario e ordena a súa habitación. Traballou durante gran parte da súa vida no campo e na casa, na que seguiu facendo os labores ata case os 97 anos. O seu xenro, José Martínez Varela, é agora o que se encarga de darlle a maior parte dos coidados.

 

“Lévolle o almorzo e doulle os medicamentos”, que non son moitos, explica, porque Dolores pode presumir de ter unha boa saúde. A familia de Dolores Gil non pasará por alto o seu 101 aniversario e, aínda que non teñen data fixada, reuniranse todos nunha comida moi semellante á que organizaron no 2016, cando festexaron por todo o alto o centenario desta lonxeva valguesa.

 

dolores-gil-magarinos-2

Dolores Gil Núñez, veciña de Magariños (Valga), cumple 101 años