jueves. 28.03.2024

Tres nenas saharauís pasan o verán en Valga con outras tantas familias de acollida dentro do programa “Vacacións en Paz”, promovido pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), da que a valguesa Isabel Muñiz é delegada comarcal. Un total de 326 nenos chegaron na madrugada do 7 de xullo a Galicia, onde permanecerán ata comezos do mes de setembro, unha estadía que, entre outras cousas, lles permite fuxir das altísimas temperaturas do deserto de Tindouf, que no verán poden acadar os 50 graos á sombra, e someterse a revisións médicas “que son moi importantes para os nenos, xa que algúns problemas que aquí teñen fácil solución son moi complexos de tratar” nos campamentos de refuxiados nos que residen o resto do ano, explica Isabel Muñiz.

 

Durante dous meses contan cunha boa alimentación, que lles dá reservas para o resto do ano. Ademais aprenden español, segunda lingua oficial da República Árabe Saharaui Democrática e, sobre todo, “divírtense e pásano ben”, incide a delegada comarcal de Sogaps. “Encántalles a praia, á piscina, ás festas… cousas ás que non teñen acceso na súa vida cotiá. Cando marchan de volta aos campamentos non parecen os mesmos nenos que viñeran dous meses antes”, engade. As tres nenas que viaxaron este verán a Valga son xa repetidoras no programa e están plenamente integradas na vila. De feito, dúas participan a diario xunto con outros nenos do municipio nas actividades da Escola de Verán que organiza o Concello. “Aquí están encantadas”, conclúe Isabel Muñiz, que explica os fortes lazos que se establecen entre os nenos saharauís e as súas familias de acollida. “Créanse uns vínculos moi fortes. Para min ela e os seus pais son como a miña familia”.

 

Isabel Muñiz leva máis dunha década formando parte da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Súa nai foi a primeira que deu o paso de acoller a un neno do programa “Vacacións en Paz” hai xa 11 anos. E dende entón non só lle dan acollida durante o verán, senón que unha vez ao ano viaxan aos campamentos de refuxiados de Tindouf a visitalos. “Alí viven en jaimas e casas de adobe, é unha vida totalmente diferente á nosa. Unha cousa é contalo e outra velo. E iso que a semana que nós viaxamos alá dannos todo o mellor que teñen e non é igual que o seu día a día”. Isabel destaca da xente saharauí que “son moi hospitalarios e danche o que non teñen para que esteas ben e non che falte de nada”. Nos campamentos teñen escolas e centros de saúde, pero “con medios moi básicos”.

 

Por iso para eles resulta fundamental a axuda humanitaria que lles chega do exterior e que inclúe dende alimentos ata material sanitario ou educativo. Cando en setembro os nenos regresan a Tindouf en voo chárter directo é o momento no que as familias e a asociación aproveitan para enviar boa parte da axuda humanitaria. No eido educativo, son varios os países que manteñen convenios para que os nenos e mozos saharauís poidan continuar cos seus estudos. É o caso de Arxelia ou Cuba.

 

En España este tipo de iniciativas dependen das asociación e dalgunhas comunidades autónomas que teñen operativo o Plan Madrasa, polo que os nenos que rematan o seu ciclo no programa “Vacacións en Paz”, no que só poden participar ata os 12 anos, poden vir estudar a España sendo acollidos polas familias coas que pasaron os últimos veráns. Os rapaces conviven coas familias españolas durante o curso escolar e volven aos campamentos de refuxiados en na época de vacacións estivais. Aínda que Galicia non conta con este proxecto, unha das nenas que actualmente pasa o verán en Valga acollerase o vindeiro ano ao Plan Madrasa a través doutra comunidade autónoma.

Tres nenas saharauís pasan o verán en Valga con familias de acollida