jueves. 18.04.2024

O IX Encontro Interxeracional organizado polo Concello de Valga, coa colaboración de distintos colectivos do municipio como A Eira, Axentiva, Asdivalu e a asociación de mulleres rurais Albor, superou esta mañá unha nova fase da produción do trigo coa celebración da malla no patio exterior do colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro. Maiores e nenos, entre eles os participantes na Escola de Verán, déronse cita para participar nesta actividade de recuperación das tradicións agrícolas e de conservación do patrimonio cultural local.

 

A malla é un dos momentos máis espectaculares deste proceso do trigo, pola impresión que producen as peculiares ferramentas que se empregan, os manles, e o son que producen ao bater contra o cereal espallado no chan para conseguir que os grans se desprendan das espigas. De aí que sexa unha das actividades que esperta maior ilusión e interese nos rapaces e tamén nos maiores que actúan como mestres.

 

Os primeiros, nalgúns casos, é a primeira vez que contemplan esta tarefa agraria que require de gran coordinación entre as persoas que a levan a cabo, e os segundos xa que lles permite rememorar tempos de antano, nos que os traballos no campo se facían de xeito manual, soían reunir a boa parte dos veciños das aldeas e ata remataban converténdose en festas. Logo de ver a demostración dos participantes máis veteranos, algúns rapaces non dubidaron en botar tamén man do manle para probar a bater no trigo.

 

Logo da malla, que estivo amenizada polos coplas e a música de varias pandereteiras, chegou o momento de separar a palla do cereal. O gran foi cribado e aireado para que quedase limpo e levarase agora a moer ao Muíño da Ínsua. Coa fariña resultante organizaranse novas actividades. Primeiro, as mulleres rurais da asociación Albor ensinaranlles ás novas xeracións a amasar pan e, por último, elaboraranse empanadas, bizcoitos e outros produtos que degustarán as persoas participantes no Encontro Interxeracional. Tamén se reservará parte da palla para empregala na próxima edición da matanza do porco.

Nenos e maiores de Valga participan na recuperación das tradicións agrarias a través da...