viernes. 29.03.2024

O Concello de Valga manifesta o seu pesar polo falecemento, na xornada de onte, de José Burés Otero, veciño da parroquia de Cordeiro, e un gran entusiasta da recuperación das tradicións na vila. Popularmente coñecido como José “O Rato”, no vindeiro mes de decembro cumpriría 100 anos, polo que o Concello estaba a organizarlle unha homenaxe, como acostuma a facer sempre aos veciños centenarios.

 

José Burés foi sempre un exemplo de vitalidade e de participación nas actividades da comunidade valguesa, unha das “almas” dos Encontros Interxeracionais que veñen celebrándose en Valga dende hai nove anos e que perseguen recuperar as tradicións e costumes da vila e a conservación do seu patrimonio inmaterial. Un obxectivo compartido co propio José “O Rato”, que no ano 2013 fixo unha importante contribución ao Museo da Historia de Valga, ao que doou a súa colección persoal integrada por máis dun cento de apeiros de labranza, unha mostra do estilo de vida centrada no agro que antano era predominante no municipio.

 

Polo seu labor de cara á recuperación destas tradicións, José Burés foi obxecto de diferentes homenaxes e actos de recoñecemento tanto do Concello de Valga como de colectivos da vila, dende o colexio Xesús Ferro Couselo ata as asociacións Axentiva e A Eira, sendo estas tan só algunhas das mostras do agarimo que a veciñanza de Valga lle tiña.

 

Era tamén participante activo das actividades do Centro de Día, do que foi usuario e conta cunha figura que o representa no Belén Artesanal en Movemento. O alcalde, José María Bello Maneiro, en nome de todo o goberno municipal lamenta “esta notable perda”. “José tiña moita ilusión por chegar aos cen anos e, lamentablemente, quedou ás portas”, se ben engade que “viviu ben esta última etapa da súa vida e iso foi unha recompensa á súa colaboración constante e contribución a Valga”.

O concello de Valga manifesta o seu pesar polo falecemento de José Burés Otero