martes. 19.03.2024

O Concello de Ribadumia informa de que ven de participar no III Encontro da Rede Nacional das Nenas e dos Nenos, celebrado durante a pasada semana en Huesca. No encontro, diferentes concellos, universidades, asociacións... tiveron a oportunidade de coñecer as claves para a construción de cidades inclusivas, que promovan e avoguen polo benestar dos seus habitantes, especialmente nenas e nenos, pero tamén anciás, persoas con diversidade funcional, etc.

 

Así mesmo, os participantes puideron intercambiar opinións sobre como acadar estes obxectivos e facer que as comunidades establezan como prioritaria a creación de cidades respectuosas co medio ambiente e os veciños que as habitan, accesibles e sostibles, contando coa participación activa dos nenos e nenas, futuro de toda sociedade. O proxecto da Cidade das Nenas e dos Nenos, creado e promovido polo psicopedagogo Francesco Tonucci, está en marcha desde 1991, e vense debatendo en diferentes cidades españolas dende o 2016, ano en que se produciu o primeiro encontro en Granada, relevada en 2017 por Pontevedra.

 

Este ano, o concello de Ribadumia, representado polo concelleiro de Urbanismo e Servizos Sociais, Enrique Oubiña, participou por primeira vez no encontro, onde tivo a ocasión de entrar en contacto con esta rede, coñecer en profundidade as súas características e formulacións e analizar casos reais e concretos, como o do municipio que acollía este terceiro encontro. Ribadumia busca situarse, deste xeito, entre os territorios que, a nivel nacional e internacional, avogan por un crecemento sostible, no que veciños e veciñas se vexan incluídos, un deseño de sociedade que apoie a participación infantil na vida social, participación, en definitiva, dos futuros cidadás e cidadáns.

Ribadumia participa no III Encontro da Rede Nacional da Cidade das Nenas e dos Nenos