martes. 19.03.2024

O Concello de Ribadumia informa que, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, celebraranse no municipio diversos actos ó longo da semana. O martes arrincaban os actos que o Concello de Ribadumia organiza polo Día Internacional da Muller, actos que durarán ata o vindeiro domingo 11, cando a actriz Isabel Risco peche a “Gala da Muller Traballadora” co seu espectáculo humorístico, “As aventuras de Nabiza Girl”. A artista dará vida a unha “superheroína galega e rural”, nunha actuación chea de humor e enerxía ofrecida despois da gala que o Concello dedica a tódalas mulleres de Ribadumia.

 

Nesta breve cerimonia, ademais, unha das mulleres de máis idade do municipio recibirá unha homenaxe en nome de tódalas donas da vila, que terán tamén un pequeno agasallo se se achegan ao Auditorio. A partir das 19:00 horas, todos os que o desexen poderán acudir ao Auditorio de Ribadumia e participar no acto, así como no espectáculo posterior, con entrada libre e para tódolos públicos. Pero son moitos máis os eventos que se están a relizar no Concello durante esta semana. O mércores 7 de marzo, celebrouse unha “Xornada de emprendemento feminino”.

 

Mañá, venres, 9 de marzo, as interesadas terán a oportunidade de coñecer máis sobre si mesmas ou xeitos de crear obxectivos medibles a nivel persoal e profesional no “Taller de empoderamento feminino” que se celebrará na Casa da Cultura ás 20:00 horas. Todas aquelas que queiran participar deberán inscribirse previamente nas oficinas do concello ou nos teléfonos 986 71 84 91/99. Por último, hoxe, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, O Concello e o CPI Julia Becerra Malvar farán lectura dun manifesto, ás 12:00 horas no Concello.

Ribadumia arranca unha semana dedicada á muller