viernes. 19.04.2024

Punta Moreiras é xa unha verdadeira homenaxe en pedra ao mar e as súas xentes, despois da instalación por parte da Deputación de 42 pezas escultóricas elaboradas pola Escola de Canteiros e que reproducen elementos propios dunha aldea mariñeira e que se completou co o acondicionamento da senda que os alberga. Esta senda realizouse seguindo o trazado de vellos sendeiros utilizados polos veciños para ir cara a Praia das Pipas e a parte traseira de Punta Moreiras e sempre respectando ao máximo o contorno.

 

O presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, e o alcalde de O Grove, Miguel Ángel Pérez, inauguraron esta mañá o conxunto escultórico que, en palabras de Louzán, pretende "dignificar e recoñecer o traballo, o sacrificio e o esforzo da xente do mar a prol da sociedade actual e das xeracións futuras". Este conxunto forma parte dun dos traballos elaborados pola Escola de Canteiros, dependente da Deputación, e súmase á aldea labrega instalada xa na Ruta da Pedra e da Auga, no concello de Meis e a un conxunto dedicado á emigración, que aínda está pendente de ubicación.

 

Recurso turístico

Louzán destacou o "acerto" da instalación destas pezas en Punta Moreiras, por ser este "un dos lugares máis bonitos de Galicia e de toda a costa española" e por integrarse con outros elementos como o Museo da Salazón, formando así un espazo que permita a veciños e visitantes coñecer as raíces e a esencia de O Grove.

 

Neste sentido, Miguel Ángel Pérez subliñou que a aldea cumpre un dobre obxectivo: "o de recuperación da alma mariñeira deste pobo e o de exercer como un recurso turístico máis para o municipio".

 

Con este obxectivo, editarase un catálogo que recollerá información sobre cada unha das pezas escultóricas, de forma que sirva de guía para o visitante.

 

Ampliación da senda

Así mesmo, a intención é ampliar a senda nunha segunda fase e proceder á recuperación doutros edificios relacionados coa salazón, como unha escamera (edificio auxiliar que servía de almacén), que se pretende converter en centro visitable como Casa do Mariñeiro. Ademais, Rafael Louzán amosouse confiado en poder pronto proceder á mellora do acceso a Punta Moreiras.

 

As pezas instaladas conforman unha exposición permanente que se estrutura en 5 fases e que comezan cunha zona que, baixo o nome de Área do Mástil, inclúe fauna mariña (delfíns, peixe espada, aleta de quenlla e estrela de mar) así como a escultura dun mariñeiro. Na segunda zona represéntanse os elementos máis característicos dunha lonxa, como un home esperando a venta de peixe, unha ola emerxente, caixas con peixes e unha mesa de despacho e venta de peixe.

 

Un gran faro é o elemento central da terceira zona, que se completa con esculturas de nenos e aves: un cormorán coa ás abertas, un pato na auga; cormoráns pescando; unha gaivota morta e un neno e unha nena sentados nunha praia, así como nenos con peixes e redes; unha serea, un brazo dun home afogándose e restos dunha barcaza encallada.

 

A cuarta zona recolle paxaros na zona dereita e peixes na parte posterior, incluíndo polbo, raia, percebes, vieiras, escachos, rodaballo, congros… así como un neno sobre un norai.

 

O percorrido péchase coa "Fase das hamacas", concibida como unha zona de descanso e recollemento para o paseante, protexida dos ventos do norte e cunhas fermosas vistas, na que se instalaron tumbonas e esculturas dunha redeira, unha tartaruga; un neno agachado e unha cola de balea.

A Deputación e o Concello do Grove renden homenaxe á xente do mar cun conxunto...