jueves. 18.04.2024

redacción .- O Congreso Internacional da Camellia supuxo un balón de osíxeno para o sector hostaleiro de Pontevedra, tal e como puxo de manifesto esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que subliñou que este evento conseguiu que se superase o 80% de ocupación en boa parte dos hoteis da cidade e tamén en Vigo.

Esta ocupación continuará durante a próxima semana, dado que son máis de 125 os congresistas que permanecerán na provincia unha vez rematadas as sesións técnicas, co obxectivo de seguir coñecendo os xardíns e os atractivos desta provincia. Durante este postcongreso, as delegacións dos diferentes países que permanecerán en Pontevedra hospedaranse en hoteis de Sanxenxo e terán ocasión de visitar boa parte das comarcas da provincia, achegándose tanto a diferentes xardíns como a empresas dedicadas ao cultivo e comercialización de camelias.

Turismo e produtos agroalimentarios

Neste sentido, o presidente da Deputación, destacou que despois deste congreso "a camelia toma unha nova magnitude na provincia" e se xa era unha parte destacada da nosa paisaxe, agora convértese en motor turístico e de dinamización económica. Un bo exemplo é o interese amosado pola delegación da prefectura autónoma de Dalí, en China, que será a próxima sede do Congreso Internacional da Camelia en 2016 e que, durante a súa estadía en Pontevedra para recoller as credenciais que a acreditan como tal, amosaron o seu interese en establecer relacións de intercambio turístico e comercial coas Rías Baixas e Galicia.

A delegación, encabezada polo gobernador da antedita prefectura autónoma, He Hua, e na que tamén participan outras autoridades como o alcalde de Dalí ou os responsables de turismo, agricultura e relacións exteriores, foi recibida esta mañá polo presidente da Deputación e pola tarde manterán un encontro con responsables da Administración provincial e coa directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa Alonso, e a responsable de Turismo Nava Castro.

Esta xuntanza foi solicitada pola propia delegación chinesa que, tal e como sinalou o gobernador, está moi interesada en "establecer intercambios comerciais entre ambas zonas", en materia como turismo ou produtos agropecuarios. Louzán destacou que esta relación entre Dalí e Pontevedra non se tería producido sen o Congreso Internacional da Camellia, dado que tanto para esta delegación chinesa como para boa parte das delegacións que participan no mesmo, esta é a primeira vez que visitan España.

Pazo de Rubiáns

Por outra banda, o presidente da Deputación felicitouse polo éxito do congreso e como feito de que os xardíns do Pazo de Rubiáns fose recoñecido como de Excelencia Turística Internacional. Súmase así ao de Soutomaior, que ata o de agora era o único da península con este recoñecemento.

Louzán amosouse confiado en que algún outro xardín máis da provincia obteña este recoñecemento e asegurou que "niso imos traballar a partir de agora". Louzán agradeceu o esforzo dos propietarios do Pazo "porque converter ese espazo en lugar de encontro coa súa espectacularidade require gran esforzo" e valorou que "sexa un xardín aberto ao público".v

O Congreso da Camelia logra que se supere o 80% da ocupación hoteleira en Pontevedra